Clausura diocesana do Ano Xubilar “Peregrinos de Esperanza” cunha solemne celebración marcada pola acción de grazas e a mirada ao futuro

  • A Catedral de Santiago acolle a solemne clausura diocesana do Ano Xubilar “Peregrinos de Esperanza”, coa participación de clero e fieis.

  • Mons. Francisco José Prieto Fernández subliña que o Ano Xubilar foi un tempo de graza, reconciliación e esperanza para toda a diocese.
  • O arcebispo resalta o papel da familia como fogar de fe, amor e transmisión de esperanza na vida cotidiá.

  • A diocese pecha o Xubileo romano con agradecemento polos froios espirituais e a mirada posta no Ano Santo Xacobeo 2027.

A Diocese de Santiago de Compostela viviu hoxe domingo, 28 de decembro, unha das citas eclesiais máis significativas do ano con clausúraa diocesana do Ano Xubilar “Peregrinos de Esperanza”. A solemne eucaristía, celebrada ás 17.00 horas na Catedral, estivo presidida polo arcebispo compostelán, monseñor Francisco José Prieto Fernández, e reuniu a numerosos fieis.
Con este acto púxose fin a un ano especialmente intenso para a Igrexa diocesana, un tempo que estivo marcado pola graza xubilar, a peregrinación e unha profunda renovación espiritual. Ao longo destes meses, parroquias, arciprestados e comunidades participaron activamente en celebracións xubilares que fortaleceron a vivencia comunitaria da fe e o compromiso cristián.

O Ano Xubilar romano, que se celebra cada 25 anos, foi convocado polo papa Francisco co desexo de que non se limitase unicamente a Roma, senón que se estendese ás Igrexas particulares de todo o mundo. Neste contexto, a Catedral de Santiago foi un dos templos designados para a obtención da indulxencia plenaria,  xunto cos outros santuarios, que tamén foron templos xubilares na diocese: A nosa Señora da Barca, A nosa Señora dos Milagros de Amil e A nosa Señora de Pastoriza. Seguindo as indicacións do pontífice, a clausura diocesana tivo lugar na festividade da Sagrada Familia.

A celebración contou coa presenza do vigairo xeral e o vigairo de pastoral, o deán da Catedral e membros do Cabildo Catedralicio, así como vicarios, arciprestes, sacerdotes, persoas consagradas e numerosos laicos. Todos eles participaron nunha liturxia concibida como unha gran acción de grazas polos froitos espirituais cultivados durante este ano Xubilar.

Na súa homilía, monseñor Prieto Fernández subliñou o significado profundo do Xubileu como tempo de reconciliación, perdón e esperanza. Lembrou que o lema proposto polo papa Francisco, “Peregrinos de esperanza”, guiou o camiñar da diocese ao longo deste ano, vivido en comuñón coa Igrexa universal.

Desde a Catedral de Santiago, meta histórica de peregrinos de todo o mundo e lugar simbólico onde, como evocou citando a Dante, “renace a esperanza”, o prelado convidou os fieis a interrogarse sobre como viven hoxe esa esperanza. Nun contexto social marcado pola incerteza, a violencia e a inseguridade, advertiu do risco de caer no desalento ou nunha esperanza superficial. Fronte a iso, sinalou con claridade o fundamento último da esperanza cristiá ao afirmar: “É Cristo, Cristo Señor, Cristo Salvador”.

Coincidindo coa celebración da festa da Sagrada Familia, o arcebispo reflexionou sobre a familia, entendida non só como realidade doméstica, senón tamén como expresión da vida social e eclesial. Animou a que a esperanza xubilar “arraigue dun modo especial na vida das nosas familias”, para que estas sexan verdadeiros fogares, lugares de acollida, calor humana e transmisión da fe.

Monseñor Prieto lembrou que a familia cristiá está chamada a ser “fogar”, evocando a imaxe tradicional do lume que dá calor e reúne arredor de si. Nese espazo, sinalou o arcebispo, apréndese a amar, a confiar e a sosterse mutuamente, mesmo no medio da fraxilidade e o fracaso.

O prelado tivo tamén palabras de proximidade e compromiso cara ás familias que viven situacións de especial dificultade. Aludindo á pasaxe evanxélica da fuxida a Exipto da Sacra Familia, lembrou a tantas persoas que hoxe ven obrigadas a abandonar a súa terra por motivos de guerra, pobreza ou persecución, así como a aquelas que sofren a precariedade laboral, a falta de vivenda ou unha vida digna. Neste contexto, fixo un chamamento a fortalecer os vínculos de solidariedade, misericordia e responsabilidade social.

Lonxe de pechar un camiño, a diocese compostelá vive este momento coa mirada posta no futuro. Ao clausurar o Ano Xubilar romano, a Igrexa de Santiago prepárase xa para unha nova gran cita espiritual: o Ano Santo Compostelán 2027, que volverá situar á cidade do Apóstolo como centro de peregrinación e encontro para crentes de todo o mundo.

A Clausura definitiva do Ano Xubilar a nivel universal terá lugar o próximo 6 de xaneiro, solemnidade da Epifanía do Señor, cando o papa León XIV presida en Roma o peche solemne da Porta Santa da Basílica de San Pedro. Con ese xesto simbólico concluirá oficialmente este tempo xubilar, mentres a Iglesia continúa o seu camiño, como lembrou o arcebispo compostelán, coa esperanza como motor e horizonte.

 

 

Previous articleO arcebispo preside en Teo a celebración diocesana da Sagrada Familia e chama a “coidar, acoller e acompañar a vida”
Next articleLa Diócesis de Santiago consolida su modelo económico y aprueba el presupuesto de 2026