O pasado doce de decembro tivo lugar no Arcebispado a reunión do Consello de Asuntos económicos, encargado de estudar os asuntos económicos da Diocese e asesorar ao Arcebispo de Santiago Mons. Francisco José Prieto Fernández en todo o concernente a esta materia. O seu fin é axudar ao Arcebispo na administración dos bens eclesiásticos da Diocese e das persoas xurídicas públicas, suxeitas á súa xurisdición.
Tras a lectura e aprobación da acta da anterior convocatoria, logo da exposición do informe, por parte do Ecónomo diocesano, Fernando Barros Fornos, relativo aos obxectivos fixados para o exercicio de 2025, foron presentados os orzamentos da Diocese de Santiago de Compostela de 2026, así como o orzamento do Instituto para a Sustentación do Clero.
Entre os obxectivos de 2025, en aras dun maior avance na Transparencia económica, expúxose a Memoria económica, e, por primeira vez, elaborouse un Informe Interno das contas anuais de 2024, que levan a establecer un novo modelo de contas que se aprobou na Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal; tamén, por primeira vez presentouse un Balance e conta de Perdas e Ganancias conxunta con Caritas e a Catedral. Informar de que se traballou na creación dunha Oficina de Captación de Subscricións, a través da Provincia Eclesiástica.
A finais de 2024 creouse unha comisión de Acción Social e Inserción Laboral. Entre as iniciativas cumpridas en 2025, destacar que foi creado un rexistro de entidades, que entre os seus fins teñan dimensión social e/o inserción laboral para establecer fórmulas de colaboración que permitan acceder a máis persoas; prestar asesoramento a Congregacións relixiosas nos ámbitos xurídico, económico e doutra índole; redacción do Regulamento do Rexistro de Acción Caritativa e Social da Arquidiocese, así como promover actuacións que permiten a formación e inclusión de persoas vulnerables.
En canto ao orzamento para o 2026, destacar que roza a cifra de 28 millóns, achegándose ao liquidado no exercicio de 2024, pechado con máis de 29 millóns de euros. A previsión busca axustarse á liquidación real do 2024, e ser referencia nas vías de actuación. A planificación servirá para poder expor mantementos, conservacións e promover rehabilitacións e investimentos, así como de dotar de recursos a tarefa da Misión, fin último da Igrexa.
No apartado de ingresos, as achegas dos fieis increméntanse, en relación ao orzamento anterior, e seguen sendo a principal fonte de ingresos con máis do 38% da orixe dos recursos; prevese un incremento nos ingresos de Patrimonio e outras actividades do 12,71 %, así como un retroceso en intereses. En relación doutros ingresos correntes espérase un lixeiro aumento co mantemento en subvencións e o incremento en ingresos por servizos do 2,17%.
Referido aos gastos, crece o investimento en Accións Pastorais e Asistenciais (investimento ascende ao 17,02%); aumenta a achega aos centros de Formación e fundación educativa (1,62%); como gastos extraordinarios aumento do 24% e prodúcese unha provisión de pequena contía para preparación do Ano Santo 2027.
A capacidade de financiamento é lixeiramente superior á do orzamento do 2025.
Así mesmo, tivo lugar unha reunión conxunta co Colexio de Consultores da Diocese co fin de estudar o alleamento dunha serie de bens inmobles.












