A Diocese de Santiago de Compostela celebrará o vindeiro domingo, 28 de decembro, a clausura diocesana do Ano Xubilar “Peregrinos de Esperanza” cunha solemne celebración na Catedral, ás 17:00 horas, presidida polo arcebispo, mons. Francisco José Prieto Fernández.
Este acto poñerá termo a un ano especialmente intenso de graza, peregrinación e renovación espiritual para a Igrexa que peregrina en Santiago, marcado pola vivencia comunitaria da fe e o fortalecemento do compromiso cristián.
A Clausura diocesana únese ás celebracións que, nestas datas, teñen lugar en numerosas dioceses do mundo e inscríbese no calendario xeral do Xubileu “Peregrinos de Esperanza”, que se está clausurando tamén en diversas basílicas de Roma, como acción de grazas polos froitos espirituais recibidos e renovación da misión evanxelizadora.
Finalmente, o próximo 6 de xaneiro, solemnidade da Epifanía do Señor, o Papa León XIV presidirá en Roma a clausura solemne da Porta Santa da Basílica de San Pedro, xesto co que concluirá definitivamente o Ano Xubilar a nivel universal.
A Diocese de Santiago de Compostela convida a participar nesta celebración a todos os sacerdotes, comunidades e parroquias, así como aos grupos, movementos, membros da vida consagrada, laicos e familias, como signo de comuñón e de acción de grazas polo camiño xubilar compartido.
Catedral de Santiago de Compostela
Domingo 28 de decembro
17:00hs












