O arcebispo abre o curso catequético cunha chamada a reflectir a fe na vida e a construír unha comunidade de irmán

A Arquidiocese de Santiago de Compostela abriu este domingo, 11 de outubro, o curso catequético 2026-2027 cunha eucaristía na igrexa compostelá de San Frutuoso. Presidiu a celebración o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, e concelebró o delegado para a Catequese, Miguel López Varela.
A misa reuniu a catequistas e membros das comunidades parroquiais para poñer en mans de Deus a tarefa de acompañar a nenos, mocidade e adultos no seu camiño de fe e na súa incorporación á vida da Igrexa. Celebrada ás 10.00 horas, foi retransmitida pola Televisión de Galicia, o que permitiu a familias e fieis de toda a Arquidiocese unirse desde os seus fogares.

Durante a homilía, o arcebispo dirixiu un saúdo moi especial aos enfermos e ás parroquias que participaban na celebración. Agradeceu tamén a dedicación dos catequistas, que semana tras semana acompañan a outras persoas no descubrimento e a vivencia da fe.
«Tes sede?»: unha pregunta para comezar o camiño.
O lema da catequese en Galicia para este curso, «Tes sede?», centrou a reflexión do arcebispo. A pregunta invita a recoñecer as necesidades máis profundas de cada persoa: o desexo de amor, de esperanza, de sentido e de Dios. O prelado lembrou que a sede e a fame son necesidades humanas cuxa falta de resposta provoca sufrimento, inxustiza e fraxilidade. A partir desa realidade, invitou a mirar tamén o interior e a preguntarse pola sede de Dios. A imaxe dunhas mans abertas que recollen e ofrecen auga, presente nos materiais do curso, serviu para explicar a tarefa da catequese: achegar a outros á fonte da vida que os cristiáns atopan en Cristo.

Esta proposta coincide coa posta en marcha do novo Itinerario diocesano de Iniciación Cristiá. O seu propósito é axudar a comprender a catequese como un proceso de acompañamento que une o encontro con Xesucristo, a celebración da fe e a incorporación progresiva á vida e a misión da Igrexa.
Unha fe que se recoñece na vida diaria.
A parábola do banquete de vodas permitiu ao arcebispo profundar na invitación de Deus a compartir a súa mesa. Trátase, explicou, dunha chamada aberta, que cada persoa pode acoller con liberdade e que leva consigo un compromiso: vivir como fillos de Deus e como irmáns.
Ao referirse á pasaxe do invitado que non levaba traxe de vodas, sinalou que a resposta a esa chamada non pode quedarse nunha aparencia externa: «De seguro a fe celebramos tense que mostrar como vivimos». E engadiu que a fe celebrada debe atopar expresión no corazón, na conduta e nas relacións de cada día.

O arcebispo destacou tamén a dimensión comunitaria deste camiño. A partir do testemuño de san Paulo, que sentiu acompañado no medio das súas dificultades, lembrou o valor de estar ao lado dos demais. Neste sentido, afirmou que catequistas, familias e comunidades parroquiais comparten esa responsabilidade de soster e acompañar a vida de fe.
A imaxe do banquete fraterno e solidario anunciado polo profeta Isaías completou esta chamada a construír unha comunidade na que todos poidan atopar o seu lugar.
O envío dos catequistas, unha misión de toda a Igrexa.
Un dos momentos centrais da celebración foi a renovación das promesas bautismais, o compromiso e o envío dos catequistas. Un grupo representativo das distintas realidades parroquiais expresou publicamente a súa dispoñibilidade para este servizo en nome de todos os catequistas da Arquidiocese.
Participaron pais e nais, avós e avoas, relixiosos, mozos e persoas que comezan este ano o seu labor catequético. A súa presenza fixo visible a diversidade de quen asume a tarefa de transmitir a fe e acompañar a outros no seu camiño.

Previous articleConfirmaciones en la UPA de Tordoia
Next articleEncontro do arcebispo coa comunidade parroquial Santa Baia de Araño en Rianxo