Presentado o programa de Semana Santa en Santiago de Compostela

Este mediodía, ás 12:00 horas, tivo lugar no emblemático Pazo de Raxoi a presentación oficial do programa de Semana Santa de Santiago de Compostela. O acto contou coa participación do arcebispo da Diocese de Santiago, Mons. Francisco José Prieto, a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e a presidenta da Xunta de Confrarías, María Elena Bernárdez.

Durante a súa intervención, o arcebispo destacou a importancia espiritual e cultural destas celebracións, subliñando que a Semana Santa en Santiago busca, como explicou, “unha significación, un estilo e un facer propios” que integren aspectos como a fe, a historia, a cultura e a natureza. Mons. Prieto engadiu que a Semana Santa representa “unha mensaxe de esperanza para crentes e non crentes”, e destacou a capacidade da cidade para acoller tanto a visitantes como a peregrinos nun ambiente de reflexión e convivencia.

Ademais, o arcebispo referiuse ás actividades paralelas programadas, como concertos de órgano en lugares emblemáticos, que resaltan o patrimonio musical e histórico da cidade. Tamén mencionou a relevancia das procesións e os actos relixiosos como expresións que convidan o encontro e á contemplación. Este ano, a imaxe destacada do programa é un Cristo crucificado que, segundo o propio arcebispo, “mostra esa realidade dunha cruz sempre desconcertante, pero sempre esperanzada”.

O evento pon de manifesto a relevancia de Santiago de Compostela como destino clave para celebrar a Semana Santa, non só desde o punto de vista relixioso, senón tamén como un espazo onde converxen a cultura e a beleza histórica. As autoridades esperan que esta semana Santa sexa unha experiencia enriquecedora para todos os asistentes, nunha cidade que “se converte nun lugar de encontro e esperanza”, segundo expresou o arcebispo.

Previous articleXornada pola Vida | "Aos 30 anos da Evangelium Vitae"
Next articleVoces de gratitude | Monseñor Prieto escoita e abraza as historias das familias da Fundación Andrea