Este sábado, 21 de novembro de 2026, tivo lugar no salón “San Isidoro” da Conferencia episcopal española en Madrid a sesión presencial do curso “En clave de sinodalidade”, organizado polo equipo sinodal da CEE.
A xornada tivo a participación de máis de 70 participantes de varias dioceses, entre eles unha representación da Diocese de Santiago de Compostela, asistindo Alfredo Losada, do equipo sinodal diocesano, e Nieves Lameiro, da delegación para o laicado.

O encontro comezou cunha oración guiada por María José Tuñón, directora do Secretariado da Comisión Episcopal para a Vida Consagrada, sendo o encargado do saúdo e presentación das ponencias da mañá, Mons. Francisco Conesa, bispo de Solsona e bispo referente para o Sínodo.
A clave teolóxica: o proceso sinodal
O encontro contou coa destacada intervención de Dario Vitali, sacerdote, profesor de eclesioloxía na Universidade Gregoriana de Roma e coordinador de expertos do Sínodo sobre a Sinodalidade.
Durante a súa exposición, Vitali afondou nos retos e na riqueza do proceso sinodal que vive a Igrexa:
- Unha conversión dende a igualdade: o proceso sinodal convida a pasar dunha “Igrexa de acontecementos” (onde se pasa páxina sen afondar) a unha experiencia viva na que o primario é a igualdade de todos como fillos e fillas de Deus, por riba das diferenzas ou funcións.
- A sinodalidade como navegador: co Reino de Deus como meta, a sinodalidade funciona como o “navegador” que orienta a marcha da Igrexa na actualidade.
- Escoitar a todo o Pobo de Deus: como o Espírito Santo guía á Igrexa e fai dela un perenne Pentecoste, é fundamental escoitar a todos os bautizados, xa que cada fiel posúe o sentido da fe (sensus fidei).
- Comunidades vivas en camiño: as parroquias e igrexas locais son seres vivos que camiñan xuntos. O Evanxeo vívese en comunidade, cunha identidade forte que pon a mensaxe de Xesús no centro da vida sen ir en contra de ninguén.
Apertura e compromiso co mundo: a Igrexa aprende do mundo e dialoga con el, acollendo a chamada ao coidado da casa común (Laudato si’) e á fraternidade universal (Fratelli tutti) para achegar o seu don a toda a humanidade.
As experiencias prácticas: o camiño da Diocese de Palencia
A tarde estivo adicada ao desenvolvemento de distintos talleres con experiencias diocesanas, un plenario asembleario e a oración final.
Os talleres foron impartidos por D. Miguel Ángel González, sobre “Como contaxiar sinodalidade”, D. Elías Royón, SJ, sobre “Espiritualidade sinodal, escoita e discernimento”, D. Francisco Conesa, sobre “A eclesioloxía sinodal: retos e desafíos”, D. Dario Vitali, sobre “O Documento Final como acto eclesial”; e Dª. Inmaculada Martín, sobre “Boas prácticas na diocese de Palencia”.
Foi especialmente significativa a experiencia da Diocese de Palencia, exposta pola súa delegada sinodal, Macu Martín, amosando boas prácticas pastorais aterrando as liñas do Documento Final do Sínodo na vida cotiá das parroquias a través de tres eixes principais:
- Conversión de relacións: fomentando a igualdade bautismal e a corresponsabilidade mediante a incorporación activa de laicos e mulleres na dirección diocesana, así como a creación de espazos sinxelos de acollida e escoita aos máis illados ou á mocidade. Por exemplo, encontros «en torno a un café» nos que parroquias e barrios abren locais e faise sitio a quen vive só ou é un novo veciño; ou unha “maleta viaxeira”, que vai de parroquia en parroquia, de comunidade relixiosa en colexio e en cada parada recolle boas prácticas.
- Conversión de procesos: promovendo a toma de decisións compartidas a través de consultas previas antes dos nomeamentos pastorais, asembleas parroquiais abertas e a planificación e avaliación conxunta dos plans pastorais.
- Conversión de vínculos: mantendo viva a comuñón tecendo redes entre parroquias veciñas (co programa «Coñece as túas parroquias» onde pobos veciños visítanse e descobren igrexas, tradicións e tarefas pastorais), celebrando encontros de consellos de pastorais e colaborando con outras dioceses a través de redes rexionais como “Igrexa en Castela”.
Esta xornada supuxo unha oportunidade fundamental para intercambiar experiencias e seguir impulsando o discernimento e o traballo conxunto nas nosas comunidades diocesanas.














