Felicitación Pascual do Arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto Fernández

O arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco José Prieto Fernández, dirixiu a súa tradicional felicitación pascual desde Fisterra, un lugar simbólico onde, nas súas palabras, “cada día o sol é sumido no mar, pero tamén onde sempre se espera o sol da vida nova”.
Na súa mensaxe, o prelado proclamou con forza o núcleo da fe cristiá: “Cristo resucitou, Cristo vive no medio de nós”. Desde este enclave atlántico, subliñou que a Pascua representa unha primavera espiritual na que “a esperanza se abre” e a vida vence definitivamente á morte.
O arcebispo lembrou que, tras a celebración da paixón e morte de Cristo, “o Crucificado é o Resucitado” e que alí onde parecía impoñerse a morte, “a vida faise presente”. Por iso, animou aos diocesanos a vivir esta Pascua como unha auténtica renovación persoal e comunitaria: “Que sexa vida nova en cada un de vós, nas vosas familias e nas nosas comunidades parroquiais”.
Nun contexto marcado por tensións sociais e dificultades para o entendemento, mons. Prieto Fernández fixo un chamamento para tender pontes e a recuperar a fraternidade. Inspirándose na imaxe de Cristo cos brazos abertos na cruz, invitou aos crentes para ser portadores de esperanza, compromiso e solidariedade. Así mesmo, insistiu en que a fe na Resurrección debe reflectirse na vida cotiá: “Poñamos vida nos nosos fogares, cos amigos e cos próximos. Levemos o gozo e a alegría da resurrección”.
Tamén exhortou a deixar atrás “os sepulcros de violencia, de inxustiza, de rexeitamento e de prexuízo”, defendendo a dignidade de toda vida humana. A mensaxe conclúe cunha invitación para vivir sen medo, coa certeza de que “a Vida triunfou” e de que a esperanza cristiá non é só futura, senón un camiño que se percorre cada día.
Desde Fisterra, o arcebispo desexou a todos os fieis “unha feliz Pascua, unha gozosa Resurrección do Señor”, animando a proclamar con alegría que “Cristo vive”.
Previous articleMons. Francisco Prieto proclama a alegría da Resurrección e chama a ser testemuñas do amor de Deus no Domingo de Pascua
Next articleRetiro Diocesano de Pascua