- O arcebispo sitúa o amor ao próximo no centro da mensaxe de Cristo Rei.
- As irmás do Cottolengo renovan os seus votos.
- A Escolanía da Catedral incorpora novos membros na festividade de Santa Icía.
O Cottolengo do Padre Alegre celebrou este domingo a solemnidade de Cristo Rei cunha Eucaristía presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández.
Durante a celebración, as irmás da institución renovaron os seus votos relixiosos, reafirmando o seu compromiso de servizo, entrega e atención ás persoas máis vulnerables nun ano especialmente significativo para o Cottolengo, que o pasado mes de xullo conmemorou os seus 75 anos de historia en Santiago de Compostela.
Na homilía, o arcebispo centrou a súa reflexión no Evanxeo de Mateo e no sentido profundo da festividade de Cristo Rei. Lembrou que o reinado de Cristo non se manifesta desde o poder, senón desde a cruz, desde a misericordia e desde o amor entregado aos demais.
Monseñor Prieto invitou os fieis a preguntarse con sinceridade «como temos amamos e como amamos», subliñando que esa é a cuestión fundamental sobre la que se constrúe a vida cristiá. Así mesmo, destacou que o amor do Evanxeo é sempre concreto e ten rostro, nome e historia.

O prelado animou a recoñecer a Cristo en quen máis sofren, nos enfermos, os forasteiros, os presos ou quen vive calquera situación de necesidade. «Non pechemos os ollos, non pechemos o corazón», exhortou, á vez que lembrou que cada xesto de atención cara aos máis pequenos é unha forma de encontro co propio Cristo.
O arcebispo eloxiou tamén a misión que desenvolve o Cottolengo do Padre Alegre como lugar de acollida, proximidade e servizo. Evocando unhas palabras do Papa sobre os cottolengos, definiunos como unha auténtica familia onde as persoas son coidadas, acollidas e queridas.
Neste contexto, resumiu o núcleo da súa mensaxe cunha frase que atravesou toda a celebración: «Reinar é amar, reinar é servir, reinar é coidar». Para monseñor Prieto, esa é tamén a vocación de toda a comunidade cristiá e, de xeito especial, de quen consagrou a súa vida ao servizo dos demais.
Nunhas palabras dirixidas especialmente ás irmás, o arcebispo agradeceulles o seu testemuño de vida consagrada e exhortounas a continuar sendo «entrega, xenerosidade, tarefa, misión e presenza». Lembroulles ademais que a súa vocación atopa a súa forza en saberse amadas por Deus e en transmitir ese amor mediante o servizo diario a quen máis sofren.
A xornada continuou ás 12.00 horas na igrexa de Santo Agostiño, onde o arcebispo presidiu unha segunda celebración eucarística con motivo da solemnidade de Cristo Rei. Coincidindo ademais coa memoria de Santa Icía, patroa da música, tivo lugar o rito de admisión das novas voces da Escolanía da Catedral, nunha cerimonia que puxo de relevo a importancia da música e a liturxia na vida da Igrexa compostelá.

A festividade concluíu cunha renovada chamada a vivir o Evanxeo desde a proximidade, a misericordia e o servizo aos demais, especialmente a quen ocupa un lugar privilexiado no corazón de Deus: os máis pequenos e vulnerables.






