O cuarto día da peregrinación diocesana une oración, penitencia e camiño no corazón de Roma

O xoves 28 de agosto marcou a penúltima xornada en Roma para a peregrinación diocesana da Arquidiocese de Santiago de Compostela, que segue percorrendo con fe e esperanza o itinerario xubilar.
A mañá comezou aos pés da Virxe, na Basílica de Santa María a Maior. Alí os peregrinos puideron rezar ante a imaxe da Salus Populi Romani, visitar o baptisterio e deterse en oración xunto á tumba do Papa Francisco, nun espazo cargado de historia e devoción. Moi preto, a pequena igrexa de Santa Práxedes ofreceu unha paréntese de silencio e beleza coas súas iconas bizantinos, antes de iniciar o camiño a pé cara a San Xoán de Letrán.
A peregrinación avanzou pola Vía Merulana, rezando o rosario en pequenos grupos, ata alcanzar a basílica de San Xoán de Letrán, a catedral de Roma, a primeira das igrexas da cristiandade. Alí, os peregrinos atravesaron a Porta Santa, visitaron o baptisterio, celebraron a Eucaristía no Altar Maior e achegáronse ao santuario da Scala Santa. Moitos deles subiron de xeonllos os seus banzos, revivindo con emoción o xesto penitencial que lembra a condena de Cristo. Foi un momento de recollemento profundo, vivido sen présa, en clima de fe e silencio.
Tras a comida, a tarde abriuse como un agasallo de liberdade. Os grupos percorreron algúns dos recunchos máis emblemáticos da cidade: Piazza do Popolo, Piazza dei Spagna, Fontana dei Trevi, o Panteón, Santa María Sopra Minerva, San Ignacio, Piazza Navona ou o Campo de Fiori. Entre visitas e camiñadas, non faltaron as paradas para un xeado, unha pizza compartida ou a compra dun recordo que perpetúe o vivido.
O día concluíu coa satisfacción de percorrer Roma tanto no espiritual como no cultural. E coa mirada posta no último tramo da peregrinación: a visita ás catacumbas de San Calixto, onde este venres celebrarán a súa última Eucaristía antes de emprender o regreso a Galicia.
Roma despídese lentamente dos peregrinos de Santiago, pero nos seus corazóns quedará gravado o eco da oración, o camiño compartido e a certeza de que cada paso dado foi, en si mesmo, un acto de esperanza.
Previous articleEncontro co Papa e oración en San Paulo Extramuros: terceiro día dos peregrinos de Santiago en Roma
Next articleOs peregrinos diocesanos conclúen nas catacumbas o seu camiño xubilar en Roma