As cinco dioceses galegas puxeron nome e rostro ao seu labor na presentación da Memoria de Actividades 2025

  • O acto celebrouse hoxe martes 24 de novembro no Hotel Oca-Porta do Camiño de Santiago de Compostela.
  • A educación, o acompañamento ás persoas enfermas nos hospitais e a vida das comunidades rurais centraron un encontro que deu protagonismo ás experiencias persoais.

As dioceses de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo presentaron este martes, 24 de novembro, a súa Memoria de Actividades correspondente ao ano 2025. O encontro tivo lugar ás 11:00 horas no Hotel Oca-Porta do Camiño de Santiago de Compostela contando coa presenza de 300 asistentes chegados de toda a xerografía galega.

A Iglexa galega celebrou este acto conxunto para dar a coñecer a súa vida e a súa misión, explicar o destino dos recursos que recibe e agradecer a colaboración de quen sostén as súas comunidades, nunha edición na que se dará prioridade ás historias persoais.

A Memoria preséntase como un exercicio de transparencia e unha invitación para coñecer máis de cerca a presenza da Igrexa na sociedade galega.

Tres preguntas para achegarse á vida da Igrexa

A xornalista Paula Pájaro conduciu o acto, que se organizou ao redor de tres preguntas: «Como anunciamos hoxe a Xesucristo?», «Como facemos presente o amor de Cristo xunto a quen máis sofren?» e «Como construímos unha Igrexa que sexa comunidade e xere esperanza?». Cada bloque abriuse cun vídeo que recollía fragmentos de discursos pronunciados polo papa León XIV durante a súa visita a España e daba paso aos testemuños dos seus protagonistas. A artista cerquedense, Icía Varela, encargouse do apartado musical.

O primeiro bloque abordou a transmisión da fe e a achega da educación católica ás familias e á sociedade. Participaron Gadea González, moza voluntaria da Pastoral Universitaria de Santiago de Compostela; Manuel Constenla, director do colexio diocesano María Inmaculada de Silleda; e Francisco Barros, representante de Escolas Católicas.

Acompañar a enfermidade e o sufrimento

O servizo relixioso hospitalario centrou o segundo bloque, coas intervencións de María Dolores Mascaro, voluntaria de Pastoral da Saúde de Mondoñedo-Ferrol, e Francisco Javier Puente, director da Área Sanitaria de Vigo. Ambolos dous achegaron as súas perspectivas sobre o acompañamento espiritual aos enfermos e a colaboración entre o servizo relixioso, o voluntariado e os profesionais sanitarios.

Comunidades vivas no medio rural

O terceiro bloque detivose na vida parroquial e na implicación dos laicos para soster as comunidades rurais, nun territorio como é o galego, marcado pola dispersión e o envellecemento. Compartiron a súa experiencia Jesús Fernando Ramos, párroco da Unidade Pastoral Virxe do Carme de Tordoia-Cerceda, e Isidoro Fernández, fregués de San Miguel de Calvelle, na Diocese de Ourense.

Unha mirada compartida cara ao Ano Santo 2027

O tramo final do acto estivo adicado ao Ano Santo Compostelán de 2027. Unha breve entrevista ao arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto, e a proxección do vídeo oficial achegaron o horizonte desta celebración e a acollida que a Igrexa quere ofrecer aos peregrinos.

O bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, clausurou o encontro en representación dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago.

Previous article“Sheltering”, a nova escultura de Timothy Schmalz que invita a mirar a fraxilidade humana ao final do Camiño