Mons. Francisco Prieto participa nunha Mesa Redonda sobre o Camiño Inglés: "Seguimos no Camiño"

Hoxe, venres 13 de decembro, celebrouse na sede da Fundación Barrié na Coruña unha mesa redonda titulada “Seguimos no Camiño”, dedicada ao Camiño Inglés. O evento contou coa participación de Mons. Francisco José Prieto, arcebispo de Santiago de Compostela; Dª Reyes Martel Rodríguez, maxistrada e xuíza titular en Las Palmas de Gran Canaria; e D. Ricardo Pardo Gato, presidente da Asociación de Historia e Cultura Militar Noroeste. A mesa redonda foi conducida pola xornalista de Radio Voz e La Voz de Galicia, Dª Loreto Silvoso Fuentes, coa participación especial de Suso Martínez como William Way.
Na súa intervención, o arcebispo de Santiago, Mons. Francisco Prieto, destacou o auxe do Camiño de Santiago na actualidade, subliñando a súa importancia como unha experiencia persoal e transcendente. Resaltou que se espera un número récord de peregrinos en 2024, con case medio millón de “Compostelas” emitidas. “Este crecemento sostido débese, en parte, ao impacto do Ano Santo Xacobeo 2021-2022 e a crecente popularidade do Camiño Portugués. O Camiño Francés segue sendo o roteiro máis transitado, pero outras variantes están a gañar terreo”, explicou.
Mons. Prieto fixo fincapé na necesidade de coidar o Camiño e o seu significado, destacando que, máis aló das motivacións individuais, a peregrinaxe a Santiago “representa unha viaxe cun punto de partida e unha meta, un percorrido que para moitos implica un novo comezo na vida”. Compartiu tamén a súa experiencia persoal con grupos de reclusos que realizaron o Camiño, subliñando como esta vivencia brindoulles un sentido de liberdade e a oportunidade de reiniciar as súas vidas.
A importancia da comunidade e a compañía no Camiño foi outro punto clave na intervención do arcebispo: “O encontro con outros peregrinos convértese nunha metáfora da vida mesma, onde a compañía e a axuda mutua son fundamentais”. Salientou a importancia da hospitalidade, sinalando que “pon a proba a calidade da condición humana”. Instou a todos a “coidar a esencia do Camiño” e a “coidar o Camiño” en si mesmo, mantendo e preservando o espírito e a pureza deste histórico roteiro.
Ao finalizar o evento, Mons. Francisco Prieto e os outros participantes da mesa redonda foron nomeados embaixadores do Camino Inglés do ano 2024 pola Real Orde de Cabaleiros de María Pita. Con este evento, entre outros moihos actos, a Orde promociona esta ruta co obxectivo final de conseguir que o Camiño Inglés sexa considerado patrimonio da humanidade, ao igual que el Camiño Francés, o Primitivo e o Costeiro.
Previous articleO papa Francisco recibe en audiencia privada os seminaristas e formadores do Seminario Interdiocesano ‘Apóstolo Santiago’
Next articleNomeamento de Vigairo Episcopal Territorial de A Coruña