O papa Francisco recibe en audiencia privada os seminaristas e formadores do Seminario Interdiocesano ‘Apóstolo Santiago’

Hoxe xoves 12 de decembro, o papa Francisco recibiu en audiencia privada os seminaristas e formadores do Seminario Interdiocesano ‘Apóstolo Santiago’, que congrega as dioceses de Mondoñedo-Ferrol, Santiago de Compostela e Tui-Vigo. Como vén realizando nos últimos meses con outros seminarios de España, nesta ocasión acollerá os bispos e a toda a comunidade do Seminario. En total participarán vinte e dous seminaristas (seis da diocese de Mondoñedo-Ferrol; doce da de Santiago de Compostela e catro da de Tui-Vigo) e os seus catro formadores.
A audiencia tivo lugar nos palacios vaticanos ás 8:30 horas. O encontro foi preparado con moita alegría e expectación. Dáse a circunstancia de que é o primeiro seminario interdiocesano creado en España por mor do encontro que o papa Francisco tivo con todo o episcopado español o 28 de novembro do pasado ano. En palabras do reitor do Seminario, José Antonio Castro, «a audiencia co Papa é un aliciente no proceso que estamos a realizar e axudará ao noso Seminario para seguir camiñando en fidelidade ao Evanxeo e á Igrexa». l

Para participar neste encontro, a expedición partiu cara a Roma o pasado martes, onde os seus integrantes aproveitaron para coñecer a cidade e fortalecer a comuñón coa Igrexa universal. Onte mércores, ás 7:15 horas, celebraron a eucaristía no altar da tumba de San Pedro, presidida polo bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos. Un momento oportuno para reafirmar a fe apostólica en vésperas do Ano Xubilar.

Tras a audiencia co papa Francisco, o grupo regresará a Santiago de Compostela.

DISCURSO DO SANTO PADRE FRANCISCO
Á COMUNIDADE DO SEMINARIO MAIOR INTERDIOCESANO,
DE SANTIAGO DE COMPOSTELA , TUI-VIGO E MONDOÑEDO-FERROL

Sala do Consistorio
Xoves, 12 de decembro de 2024

 Queridos irmáns bispos,
queridos formadores e seminaristas do Seminario Maior Interdiocesano “Apóstolo Santiago”:
Bos días. Doulles a benvida a todos vostedes, que coñecen ben as pegadas do apóstolo Santiago en España, e agora veñen como peregrinos a Roma, tras as pegadas do apóstolo Pedro e doutros fieis seguidores de Xesús. Como din na súa terra, bo camiño!
Sei que desde setembro están a vivir unha nova modalidade como Seminario “Interdiocesano”, unindo as dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo e Mondoñedo-Ferrol.
Agradézolles a súa dispoñibilidade. Anímoos a seguir adiante con fortaleza e esperanza renovadas.
Creo que a imaxe da “peregrinación” é axeitada para indicar o itinerario formativo que vostedes están a realizar. Como peregrinos, primeiro, sentimos unha chamada, que nos impulsa a saír de nós mesmos; logo, lanzámonos á aventura e empezamos a camiñar, ao longo de diferentes momentos e etapas. Finalmente, chegamos á meta. Isto tamén sucede na formación para o sacerdocio, onde o obxectivo é chegar a ser pastores do Pobo de Deus, pastores forxados segundo a medida do Corazón de Cristo, humilde e misericordioso. Lembren que no camiño non están sós, isto é fundamental: non teñan medo de abrir o corazón ao Señor e deixarse acompañar por El, para que vaia modelando as súas vidas.
Non esquezan, ademais, que no camiño irán atopando moitas persoas diferentes, algunhas talvez estarán a atravesar momentos difíciles, estean feridas ou non coñezan a Deus. Sexan para todas elas testemuñas da alegría do Evanxeo, bríndenlles a tenrura e o consolo do Señor para que sande as ampolas do camiño. Non deixen de ser esas “frechas amarelas” que, como san Xoán Bautista, sinalen a Xesús e digan a todos, coas súas palabras, pero tamén e sobre todo co seu modo de vivir: «Este é o Cordero de Dios» (Xn 1,29).
Queridos irmáns, aproxímase o Ano Santo 2025, con esta graza xubilar que se nos regala, sigamos camiñando xuntos como peregrinos de esperanza, cara á patria celestial.
Que Xesús vos bendiga e a Virxe Santa vos coide. E, por favor, cando regresen, pídanlle a Santiago apóstolo que interceda por min. Moitas grazas.

 

Previous articleReunión dos Vigairos Xerais e Ecónomos das Dioceses de Galicia
Next articleMons. Francisco Prieto participa nunha Mesa Redonda sobre o Camiño Inglés: "Seguimos no Camiño"