- O arcebispo mons. Francisco José Prieto inaugurou a Xornada cun chamamento a educar desde a alegría, a esperanza e a presencia.
- A “beleza que salva” centrou unha reflexión sobre cine, música e literatura ao servizo da fe.
- Comunicadores, cineastas e escritores participaron nun encontro impulsado por Escolas Católicas.
A Xornada de Pastoral Educativa autonómica celebrouse hoxe sábado 31 de xaneiro no salón de actos do Colexio Maior Xelmírez, en Santiago de Compostela, entre as 9:00 e as 15:00 horas. O encontro foi inaugurado polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, quen presidiu tamén a Eucaristía coa que se abriu a xornada.
A cita reuniu a responsables educativos e pastorais nun espazo de reflexión compartida sobre a tarefa educativa desde unha perspectiva cristiá, en diálogo coa cultura contemporánea e as novas linguaxes.
Durante a súa intervención, o arcebispo lembrou que a educación e a fe sostéñense na presenza e o encontro persoal. A partir da carta de san Paulo aos Filipenses, chamou a vivir e transmitir unha alegría serena, como un don que nace da fe, aliméntase da esperanza e brota do amor.
Monseñor Prieto destacou educar equivale a sementar, mesmo cando non sempre se perciben os froitos inmediatos, e convidou a facelo con confianza e perseveranza, unindo oración e traballo, tal como lembraba santo Agostiño.
O arcebispo apoiou a súa reflexión en diversas pasaxes evanxélicas para convidar a revisar actitudes na misión educativa. Desde esta mirada, animou a rexeitar o derrotismo e a vivir unha esperanza firme, ancorada en Cristo, que se concreta no acompañamento próximo e fiel na tarefa diaria.
A Xornada estivo motivada por unha recente reflexión do Papa León XIV, quen animara a profesionais do cinema e do ámbito audiovisual a promover contidos que non só entretivesen, senón que tamén formasen e evanxelizasen. Baixo o concepto da “beleza que salva”, propúxose un diálogo entre cultura e fe, poñendo o acento na música, o cinema e a literatura como manifestacións culturais ao servizo da humanidade.
Organizada por Escolas Católicas, a xornada contou coa participación de diversas personalidades do ámbito cultural e comunicativo: José María Bautista, escritor e creador de Learning Flow; Christián Gálvez, comunicador e escritor, entrevistado polo delegado diocesano para as Comunicacións Sociais, Manuel Blanco; Juan Orellana, director do Departamento de Cinema da Conferencia Episcopal Española; Lucía González-Barandiarán, xornalista e CEO de Boscolfilms; e Ángel González Prado, director de cinema e fundador da produtora altruísta Boscovisión.
O encontro concluíu como unha invitación para renovar a acción educativa desde a fe, a cultura e a esperanza, situando á persoa no centro e recoñecendo a beleza como camiño de encontro e sentido.












