
Preguntado respecto diso, Mons. Prieto Fernández dixo que, na actualidade, ante o desenvolvemento tecnolóxico tan impresionante, sobre todo polo desenvolvemento da intelixencia artificial, e por este clima de polarización social que parece envolvelo todo, constátase “a necesidade e a obrigación de educar mentes abertas, críticas e reflexivas, que busquen a verdade en todas as súas dimensións, cunha visión sapiencial da vida humana e cun forte compromiso de traballar ao servizo do ben común”. E que, por iso mesmo, “nesta carta pastoral quixen ofrecer un texto amplo, de fácil lectura, como contribución a esa conversación pública tan necesaria que todos os axentes sociais deberiamos ter para afrontar ese reto compartido de ofrecer ás novas xeracións a educación que se merecen e que necesita o noso país”.
Mons. Prieto Fernández subliñou durante a súa intervención que a nova entidade “non haberá de ser simplemente unha entidade xestora de centros educativos, senón expresión da misión evanxelizadora da nosa Igrexa diocesana de Santiago de Compostela no ámbito da educación e nesta época que nos foi dada, o noso kairós, desde o compromiso de ofrecer unha formación integral que xunte fe, cultura e vida”.
“Quixemos denominala con esta palabra tan xacobea, ultreia, máis adiante!, por dúas razóns: para poñer en valor o Camiño de Santiago e o que este significa, e porque é unha palabra que transmite unha forte esperanza, que é algo moi necesario na nosa sociedade”, explicou o arcebispo en relación co nome dado á nova entidade.
Na presentación o prelado compostelán estivo acompañado por José Ramón Amor Pan, que é o encargado de poñer en marcha o novo proxecto. “Levamos traballando nisto preto dun ano, con tanta ilusión como humildade, conscientes de que é un reto importante o que D. Francisco pon nas nosas mans”, foron as súas primeiras palabras. “Agora iníciase todo un proceso xurídico e administrativo, que culminará máis ou menos en febreiro ou marzo do próximo ano coa presentación dos membros do Padroado, a imaxe corporativa da entidade e un gran evento formativo para todos os nosos docentes”, engadiu.
“Será nese momento cando poidamos dar detalles moito máis concretos, pois ata que a arquidiocese non estivese dotada dun instrumento como o que hoxe se acaba de crear, non se podían dar máis pasos nese obxectivo que sinalou o arcebispo: coordinar e supervisar para mellor servir”, afirmou Amor Pan. “Todos estes centros con vínculos diocesanos xurdiron para responder as necesidades educativas dos fillos de familias traballadoras nos barrios e poboacións nas que se sitúan, teñen unha valiosa historia, que agora toca potenciar no novo contexto social e económico, que non é o de hai 100 anos, 60 anos ou 40 anos. Esta é a motivación primeira e última do que hoxe nace”.










