Centos de representantes de dioceses de todo o mundo reuníronse os días 25 e 26 de outubro en Roma para celebrar o Xubileu dos Equipos Sinodais, un encontro que buscou renovar o compromiso da Igrexa coa comuñón, a participación e a misión que inspiran o actual camiño sinodal. A cita tivo lugar ao redor da Basílica de San Pedro e desenvolveuse nun ambiente de profunda fraternidade, oración e reflexión compartida.
A xornada do sábado 25 comezou á primeira hora da mañá coa peregrinación xubilar e o paso pola Porta Santa da Basílica Vaticana, símbolo de apertura espiritual e reconciliación. Durante a celebración, Monseñor Luis Marín de San Martín, subsecretario do Sínodo, pronunciou unhas palabras que resoaron con forza entre os presentes. “No amor que nos une, as diferenzas convértense en riqueza. Non máis trincheiras ideolóxicas, non máis egoísmo, non máis soidade individualista e destrutiva. Somos familia de Deus”, proclamou ante un silencio cheo de recollemento. Na súa homilía, o prelado lembrou que o Evanxeo debe encarnarse na historia concreta, na realidade cotiá de cada comunidade. “Non se trata de vivir nun espiritualismo evanescente, senón de escoitar os berros do noso tempo, de compasar o noso paso ante os irmáns necesitados”, subliñou.
Tras a peregrinación, os participantes organizáronse en grupos lingüísticos de traballo, onde compartiron experiencias sobre como se está vivindo o proceso sinodal nas súas respectivas dioceses. No grupo de fala hispana participaron representantes de España e América Latina, entre eles Alfredo Losada Suárez, delegado para o Laicado da Arquidiocese de Santiago de Compostela e membro da Comisión Permanente do Consello Diocesano de Pastoral. Losada destacou a riqueza da diversidade e a forza transformadora da sinodalidade. “Escoitamos testemuños de Arxentina, Brasil, Chile ou Colombia que nos falaban de como este proceso axuda a romper a dureza do corazón, a superar as ideoloxías e a proxectar unha Igrexa esperanzada que sae cara ás periferias”, explicou.
Durante os diálogos constatouse que o camiño sinodal está a fortalecer a vida parroquial, mellorando as relacións entre os fieis e espertando un renovado sentido de fraternidade e corresponsabilidade. Con todo, tamén se sinalaron desafíos que aínda deben afrontarse, como a necesidade dun traballo interxeracional máis profundo e unha maior implicación do clero e das comunidades locais que aínda viven o proceso con distancia ou escepticismo.
Un dos espazos máis significativos do encontro foi o dedicado ao rol e a responsabilidade da muller na Igrexa, coordinado por Elía Cerviño, relixiosa e membro do Dicasterio para os Bispos. Neste foro compartíronse experiencias de participación feminina na vida eclesial, como a presenza de mulleres na curia diocesana de Santiago de Chile ou a existencia dunha vigaira episcopal en Bogotá. As conclusións do grupo insistiron na necesidade de fortalecer a formación teolóxica e pastoral das mulleres, promover o seu liderado na pastoral e garantir a súa participación nos procesos de discernimento e toma de decisións. “É fundamental que nos nomeamentos episcopais participe tamén o Pobo de Deus”, subliñouse durante o debate. Os participantes resumiron as súas inquietudes en tres desafíos concretos: unha maior presenza feminina nos espazos de goberno eclesial, unha participación máis activa na liturxia e os ministerios, e unha formación compartida que impulse o liderado das mulleres teólogas na vida pastoral.
A tarde do sábado estivo dedicada á reflexión sobre o discernimento espiritual como práctica ao servizo da misión, nun obradoiro coordinado por Daniela Carabini. Destacouse que o discernimiento, entendido como integración de fe, razón e experiencia baixo a acción do Espírito Santo, é unha condición esencial para a sinodalidade. “Sen discernimiento, a sinodalidade é impensable e impracticable”, afirmouse. Posteriormente, o teólogo venezolano Rafael Luciani profundou no concepto de sensus fidei do Pobo de Deus, desde o Concilio Vaticano II ata o documento final do recente Sínodo. Luciani lembrou que o proceso sinodal permitiu á Igrexa “experimentar o sabor espiritual de ser Pobo de Deus” e comprender que as decisións pastorais máis auténticas son aquelas guiadas polo Espírito. “A Igrexa é verdadeiramente pobo de Deus cando o discernimento orienta as nosas decisións cara á vontade do Señor”, subliñou.
O día concluíu cunha oración mariana na Praza de San Pedro, presidida polo cardeal Mario Grech, secretario xeral do Sínodo. Nun ambiente de silencio e recollemento, os peregrinos elevaron a súa pregaria por unha Igrexa máis aberta, participativa e fraterna.
O domingo 26 de outubro, o Papa León XIV presidiu a Eucaristía de clausura do Xubileu na Basílica de San Pedro. Na súa homilía, o Pontífice definiu os equipos sinodais como “imaxe dunha Igrexa que vive en comuñón” e animou a todos os presentes a seguir camiñando xuntos na escoita do Espírito. “Antes de calquera diferenza, estamos chamados a camiñar xuntos en busca de Deus. Alarguemos o espazo eclesial para que sexa colexial e acolledor”, exhortou o Santo Padre.
León XIV advertiu que a Igrexa está chamada a afrontar con esperanza as tensións entre unidade e diversidade, tradición e novidade, autoridade e liberdade. “Non se trata de resolvelas reducindo unhas a outras, senón de deixar que o Espírito as transforme para que non se convertan en contraposicións ideolóxicas e polarizacións daniñas”, explicou. Convidou ademais a vivir o discernimiento con liberdade interior, humildade, confianza mutua e apertura ás sorpresas de Deus. “Ser Igrexa sinodal significa recoñecer que a verdade non se posúe, senón que se busca xuntos. Soñemos cunha Igrexa humilde, que se abaixa para lavar os pés da humanidade, unha Igrexa que escoita, que acolle e que serve”, concluíu con emoción.
Ao finalizar o encontro, os participantes coincidiron en que o Xubileu supuxera un revitalizamento para a Igrexa universal, unha chamada para renovar o impulso misioneiro e a apertura a todos. En palabras de varios asistentes, tratouse dun verdadeiro “Pentecostés sinodal”, unha experiencia que reafirmou o soño dunha Igrexa “pobre para os pobres”, “en saída” e profundamente comprometida coas periferias existenciais.
Desde a Arquidiocese de Santiago de Compostela, os representantes galegos regresaron cun renovado compromiso: seguir construíndo unha Igrexa participativa, onde cada bautizado se recoñeza corresponsable da misión evanxelizadora. “Estamos chamados a edificar a Igrexa desde a escoita, a complementariedade e a reciprocidade, camiñando xuntos na misión diocesana”, resumiu Alfredo Losada ao peche do encontro.
O Xubileu dos Equipos Sinodales en Roma converteuse, así, nunha celebración de comuñón e esperanza. Unha invitación para mirar o futuro con fe e a seguir avanzando xuntos, guiados polo Espírito, cara a unha Igrexa verdadeiramente sinodal, ministerial e ao servizo do mundo.












