Os movementos e asociacións laicais de Santiago impulsan a comuñón eclesial e a presenza activa na vida pública

A Casa de Exercicios de Santiago de Compostela acolleu este sábado 19 de setembro a reunión da Delegación para o laicado con representantes dos movementos e asociacións laicais da diocese.

A xornada iniciouse cunha oración inspirada en varios textos do Papa León XIV durante a súa visita apostólica a España e convidouse aos asistentes a aprender de Xesús a mirar ao próximo, ás persoas e ao mundo “cos ollos de Deus”, é dicir, con amor, respecto e compaixón, para descubrir nas persoas que están ao noso arredor o desexo profundo de vida, de verdade e de plenitude.

No encontro estiveron presentes o delegado para o laicado, Fredi Losada, xunto a Nieves Lameiro e Andrea Lago, membros do equipo da delegación, escusando a súa asistencia o vigairo de pastoral, Javier Porro.

Ao longo da mañá, presentáronse as principais actividades e iniciativas para o curso 2026-2027 da Delegación para o laicado, centradas en tres eixos: a implementación do Plan Pastoral diocesano, o desenvolvemento do itinerario “Presenza na Vida Pública” (no marco do Congreso de Laicos) e a sintonía cos procesos dos Sínodos diocesano e universal, todo iso no camiño cara ao Ano Santo Compostelán 2027.

Tamén os representantes de movementos e asociacións con implantación na nosa diocese (https://laicosarchicompostela.com/equipos/) compartiron as súas actividades e inquedanzas, discurrindo o encontro nun clima de diálogo e escoita mutua, co obxectivo de estreitar a comuñón eclesial e camiñar xuntos e xuntas como Igrexa diocesana sinodal.

Asemade, deuse a coñecer a oferta formativa do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas (ISCCR), que inclúe cursos sobre Intelixencia artificial, Música Litúrxica, Ministerio de Acólito e Lector, e a Vía da Beleza e Arte Cristián (https://www.pastoralsantiago.org/abierta-la-matricula-en-el-isccr/).

A xornada concluíu cun segundo momento de oración final agradecendo saír ao encontro de todas as persoas na “praza da vida” -entre as tensións do mundo, os traballos que reclaman xustiza, as persoas migrantes que esperan acollida e o labor en aulas e hospitais- sen importar a hora de chegada nin os prexuízos de casta.

 

Previous articleEl arzobispo presidirá en San Fernando una misa con motivo de la Jornada Mundial del Migrante y del Refugiado
Next articleEl Seminario Menor de la Asunción y la Casa do Neno inauguran el curso académico 2026/2027