• Xa está aberto o prazo de inscrición
As Delegacións de Familia e Vida de Galicia organizan as VI Xornadas Interdiocesanas de formación. O encontro desenvolverase o sábado 17 e o domingo 18 de outubro no mosteiro beneditino de san Xoán de Poio baixo o título xenérico “Poñamos os pés na terra”. Serán dous días intensos nos que varios especialistas abordarán as crises e dificultades que enfrontan na actualidade os matrimonios e as familias, como detectalas e abordalas.
Entre os relatores contaremos con Mercedes Honrubia García da Noceda, avogada, mediadora e coach familiar, directora do Instituto Coincidir, unha entidade que se dedica á orientación, acompañamento privado e familiar e á resolución de conflitos no matrimonio. Proporcionaranos pistas e exemplos prácticos para acompañar aos matrimonios en dificultades.
Expertos do programa de familia e infancia da Cáritas da diocese de Tui-Vigo propoñerán un catálogo de boas prácticas para a detección e o acompañamento dos matrimonios en crises. Tamén se prestará atención ao reto que supón integrar ás familias migrantes, unha realidade cada día máis presente nas nosas dioceses. En especial, como atender o duelo migratorio, unha dura experiencia emocional que mestura tristeza, ansiedade e confusión e que necesita ser acompañada. Trátase de minimizar a dor que viven os emigrantes pola despedida dos seus seres queridos, a perda que iso supón e os cambios extremos que implica deixar a propia patria para vivir nun país alleo.
Nas xornadas prestarase unha atención especial ao drama que hoxe supón a invasión da pornografía e o dano psicolóxico e emocional que está a causar en nenos, adolescentes e adultos.
Sobre os seus efectos nocivos disertará Blanca Elía, mestra, psicopedagoga e asesora familiar, presidente da asociación Dálle unha Volta, unha organización que ofrece recursos, axuda e acompañamento en liña para superar a adicción ou o consumo problemático da pornografía. Conta cunha gran experiencia na análise dos riscos do consumo de porno e na promoción dunha sexualidade sa e respectuosa coa dignidade das persoas.
O encontro diríxese aos axentes de pastoral implicados nos distintos ámbitos da pastoral familiar, pero tamén aos pais de familia e todas aquelas persoas que se sentan chamadas a concretar a súa fe traballando neste amplo campo.
Durante as xornadas tamén haberá momentos para a oración e a posta en común das experiencias que acheguen os asistentes. O evento clausurarase o domingo cunha eucaristía que estará presidida polo bispo de Tui Vigo, mons. Antonio Valín.
Previous articleConfirmacións en Betanzos
Next articleA Coruña renova a súa devoción á Virxe do Rosario na tradicional Función do Voto