Exposición itinerante “Rostros e retos do mundo do traballo”

Do 7 ao 15 de novembro, o Claustro da Hospedería de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela acollerá a Exposición itinerante “Rostros e retos do mundo do traballo”, que será presentada o venres, 7 de novembro, ás 16:15 horas. A entrada é libre á presentación e á exposición.

Precisamente no marco da inauguración da exposición, ese mesmo venres 7 de novembro a Igrexa compostelá, a través do Departamento da pastoral do traballo en colaboración con Cáritas Diocesana e Cáritas interparroquial de Santiago de Compostela, celebra o Xubileu das persoas traballadoras e migrantes. Así, ás 17:00 horas farase o visionado dun vídeo no Salón de Actos do Instituto Teolóxico Compostelán (no edificio colindante de San Martín Pinario) e posteriormente unha charla que impartirá D. Antonio Aranda, director do Departamento de Pastoral do Traballo da CEE sobre Retos da Pastoral do Traballo. Despois, ás 18:30 haberá unha Eucaristía presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, D. Francisco Prieto, na capela do Seminario, con entrada desde a Hospedería de San Martín Pinario.

Convidamos a todas as persoas, en especial ás persoas traballadoras, a quen non pode ter acceso a un traballo decente e tamén ás persoas migrantes, a participar deste Xubileu, valorar a dignidade de toda persoa e ser signos de esperanza para o noso mundo.

O Departamento de Pastoral do Traballo da Conferencia Episcopal Española, e como parte da celebración do 30 Aniversario da POTI (Pastoral Obreira de Toda a Igrexa, aprobada pola CEE o 18 de novembro 1994) e da celebración do Xubileu dos Traballadores, organizou esta exposición para “mostrar como evolucionou o mundo do traballo e a pastoral nestas tres décadas, poñerlle cara aos traballadores e explicitar retos fundamentais como o traballo decente, a precariedade laboral, o coidado e a espiritualidade do traballo”.

A exposición está composta por 22 paneis de gran formato que combinan imaxes potentes con textos extraídos da Doutrina Social da Igrexa, testemuños reais de traballadores e reflexións sobre a fe e a xustiza social.

Entre os temas abordados atópanse a precariedade laboral, a inclusión de mozos, mulleres e migrantes, a defensa dos dereitos laborais e o coidado da “Casa Común”.

Ademais, o contido expositivo está pensado para fomentar o diálogo social e espiritual sobre o valor do traballo humano e convidar á reflexión e ao compromiso ao redor da dignidade do traballo e os desafíos do mundo obreiro.

A proposta ten un enfoque integral que non só denuncia situacións de inxustiza, senón que reivindica a esperanza como horizonte compartido, no contexto do Xubileu da Esperanza 2025.

Un dos elementos fundamentais da mostra é a conexión entre realidade laboral e vivencia da fe. Destácase o papel da Igrexa como compañeira de camiño do mundo obreiro, e o seu compromiso cun traballo decente, estable, seguro e humanizador.

Con esta iniciativa, a Igrexa reafirma o seu compromiso coa xustiza social e a dignidade de todas as persoas traballadoras, en diálogo coa sociedade e á luz do Evanxeo. A exposición pretende ser unha ferramenta de sensibilización e acción comunitaria.

 

Previous articleNa Solemnidade de Todos os Santos, o arcebispo invita a descubrir a Cristo no irmán como camiño de santidade
Next articleA Arquidiocese de Santiago celebrará o Día dos Santos Diocesanos con misas en honra de dúas mártires galegas