Días de fe, memoria e esperanza: Solemnidade de Todos os Santos e Conmemoración de todos os Fieis Defuntos

As celebracións de Todos os Santos e dos Fieis Defuntos ofrecen aos crentes a oportunidade de profundar na súa fe e lembrar que a vida non termina coa morte. Son días nos que a Igrexa convida a mirar con esperanza o misterio da vida eterna e a manter presente a quen partiu, confiando en que xa descansan na presenza de Deus.
Durante estas datas, os templos e cemiterios de todas as parroquias da Arquidiocese de Santiago adquiren un ambiente de recollemento. As persoas visitan as tumbas dos seus seres queridos, colocan flores, acenden candeas e elevan unha oración polo seu descanso eterno. Máis aló da nostalxia, trátase dunha expresión de gratitude, esperanza e de confianza na vida eterna.
Celebracións na Catedral
O sábado 1 de novembro, con motivo da Solemnidade de Todos os Santos, celebrarase unha Misa estacional a partir das 11:40 horas, presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández. Esta celebración, unha das máis solemnes do calendario eclesiástico, lembra a todos os homes e mulleres que, ao longo da historia, alcanzaron a plenitude da vida cristiá e gozan xa da presenza de Deus.
O luns 3 de novembro, Conmemoración dos Fieis Defuntos, ás 09:30 horas, o Deán da Catedral presidirá a Misa capitular, seguida dunha procesión claustral e do rezo de responsos por todos os defuntos.

Previous articleRoma acolle o Xubileu dos Equipos Sinodais: un fin de semana de comuñón, reflexión e esperanza para a Igrexa universal
Next articleNa Solemnidade de Todos os Santos, o arcebispo invita a descubrir a Cristo no irmán como camiño de santidade