Presentación do conxunto escultórico: EPIFANÍA

  • O Arcebispo presentou, acompañado por membros da Comisión do Ano Santo e do Cabido, na mañá de hoxe domingo, o conxunto escultórico: EPIFANÍA. Sitúase cerca do Pórtico da Gloria na catedral de Santiago, obra do escultor Óscar Aldonza.
  • “Ao ver a estrela enchéronse de inmensa alegría” (Mt 2, 10)
Apenas uns días antes da celebración da solemnidade da Epifanía, na catedral instalouse un conxunto escultórico que recupera na basílica unha iconografía que estivo presente de modo destacado unha vez que se conclúe o gran proxecto mateano: no transcoro, e en continuidade co discurso do Pórtico da Gloria, unha representación da adoración dos Sabios de oriente ao Neno Deus centraba o espírito dos fieis e peregrinos nun misterio que comezara en Belén, que culminou en Xerusalén, pero que estaba destinado a ser manifestado (epifanía) a toda a humanidade.
En Santiago de Compostela esa manifestación tamén resplandecía como estrela, pero encárnase no testemuño do primeiro apóstolo mártir: Santiago o Zebedeo. Ningún apóstolo se anuncia a si mesmo, proclama, manifesta e sinala o Salvador.
Esta peza realizada en bronce e cerámica, elaborada polo escultor compostelán Óscar Aldonza, convértese no fito que anuncia e sinala o inicio da preparación para a mellor celebración e vivencia do Ano Xubilar 2027.
Como os peregrinos que desde oriente se puxeron en camiño tras escrutar o firmamento e, con mirada iluminada, souberon recoñecer nun Neno o Señor e Mesías; tamén nós desexamos prepararnos para, cheos de alegría e gozo, descubrir na memoria do Apóstolo a aquel a quen Santiago anuncia: Xesús, o Verbo que se fixo carne para compartir a realidade humana e que a humanidade puidese participar da plenitude divina.
Peregrinos a Santiago: urxe prepararnos, purificando as nosas miradas de modo que distingamos a Luz das luzadas que cegan e desasosegan; agudizando o oído, pero non para que nos aparve o ruído que nos envolve; escrutando o universo do noso interior e a inmensidade do mundo en que vivimos, á escoita da Palabra e dispostos a ser iluminados por graza; acollendo o perdón e perdoando, para experimentar a gran perdoanza.
Que chegados á tumba do Apóstolo, o noso corazón edesborde ledicia e xúbilo, que dese modo -sen impostura- sexamos epifanía neste tempo, ao comezo do segundo cuarto do terceiro milenio, e neste mundo que desexamos habitable, don de Deus para todos.

APROXIMACIÓN AO CONXUNTO ESCULTÓRICO:

O conxunto escultórico, con pezas de tamaño natural, como primeiro fito que impulsa a preparar o Ano Xubilar, contén a carga de significación da ENCARNACIÓN-EPIFANÍA.
A imaxe central da Virxe co Neno suxire un triplo movemento. Dado que a peza se vai instalar no lugar que agora mostra a pegada dun recheo de perpiaños e mamposto na portada da antiga Sala Capitular, ese fondo quedará cuberto por unha superficie porcelámica que representa un rompemento de gloria, na que se destacará unha estrela que proxecta os seus raios, como unha alusión ao antigo coro pétreo. Evocación potenciada pola recreación libre do castelete, procedente do coro mateano, do que asoman os cabalos dos Sabios de oriente. Aí centrada, a Virxe dirixe a súa mirada (como profecía) cara arriba en dirección ao Pórtico (o Neno que sostén vivirá o drama da paixón e morte que culminará coa súa glorificación); o Neno, en sentido contrario, dirixirá a súa mirada cara á Capela Maior, convidando os fieis a vivir o encontro íntimo con El no sacramento da Eucaristía; o pano que envolve o Neno, tamén en memoria do que foi a obra de Mateo, loce unha cor azul lapislázuli: o mellor pigmento para a imaxe principal. San Xosé, sorprendido, contempla os Magos. E estes presentan os seus dons e adoran.
Previous articleA Diocese de Santiago de Compostela celebrará a acollida de novos catecúmenos
Next articleReunión da Coordinadora Diocesana de Pastoral Xuvenil