A Diocese de Santiago de Compostela celebrará a acollida de novos catecúmenos

A diocese compostelá celebrará o vindeiro domingo, 11 de xaneiro de 2026, a Celebración Diocesana de Acollida dos Catecúmenos e o Rito de Entrada no Catecumenado. Un acto significativo que marca o inicio oficial do camiño da iniciación cristiá dos adultos non bautizados.
A celebración está dirixida a aqueles adultos que, descubrindo a fe en Xesucristo e tras vivir un tempo de discernimento, deciden prepararse para recibir o Bautismo e os demais sacramentos da iniciación cristiá, realizando un itinerario formativo de fe e vida cristiá chamado catecumenado.
A celebración estará presidida polo Arcebispo de Santiago, Mons. Francisco José Prieto. Nela participarán tamén os familiares dos catecúmenos e os seus padriños (ou esponsores), os seus párrocos e catequistas, como expresión do acompañamento comunitario que caracteriza este proceso de formación e maduración na fe.
O acto terá lugar ás 17:00 horas na  Casa de Exercicios Espirituais de Santiago (José María Suárez Núñez 1; 15705 Santiago de Compostela – A Coruña – Zona: Campus Vida (USC)), coincidindo coa festa litúrxica do Bautismo do Señor. Unha data especialmente significativa que subliña a vinculación do catecúmeno con Cristo, e a asociación do catecumenado á preparación ao bautismo.
Para ter todo disposto, os párrocos deberán contactar á Delegación Diocesana Para o catecumenado, facilitando os datos dos catecúmenos que participarán nesta celebración, ben a través do correo electrónico (catecumenado@archicompostela.org), ou dirixíndose directamente ao Delegado para a Catequese e o Catecumenado, Miguel López Varela.
Que é o Rito de Ingreso ao Catecumenado?
O Rito de Ingreso (ou Admisión ou aceptación) ao Catecumenado marca o inicio formal da segunda etapa do camiño de fe dos adultos que desexan ser bautizados e recibir os restantes sacramentos da Iniciación Cristiá da confirmación e a Eucaristía. Con el acóllense os candidatos como parte da familia eclesial e marca o comezo da preparación máis sistemática ou regrada dos catecúmenos. Trátase dun momento importante para os candidatos no que confirman o seu desexo de seguir a Cristo.
O período formativo do catecumenado prolongarase polo menos durante dous anos litúrxicos. Desta maneira o catecúmeno, seguindo o camiño de fe e vida cristiá da comunidade eclesial, e axudado polo seu catequistas e o exemplo e testemuño dos seus, coñeza a fe católica e aprenda a vivir a vida cristiá.
A terceira etapa, sucesiva ao “catecumenado” e chamada de “purificación e iluminación”, coincide coa Coresma do segundo ano. Neste período, os catecúmenos prepáranse intensamente para celebrar os tres sacramentos da iniciación cristiá na Vixilia pascual ou durante o tempo de Pascua, e cos que se fará cristián.
A esta seguiralle unha cuarta e última etapa, chamada da “Mistagoxía”. Un tempo no que se vive a recentemente estreada experiencia de ser cristiáns cos membros da comunidade parroquial e profúndase no significado vital dos misterios celebrados. Coincide co tempo litúrxico da pascua de Resurrección.
Ao longo destas tres etapas de preparación para o Bautismo, a Confirmación e a plena participación na Eucaristía, os catecúmenos irán celebrando progresivamente diversos ritos e celebracións, tanto nas súas parroquias ou comunidades de orixe como na Catedral compostelá. Entre eles atópanse as celebracións da Palabra, os exorcismos, as bendicións, os escrutinios e os ritos de entrega do Credo e do Nos Pai.

 

Previous articleMensaxe do Papa para a Xornada Mundial da Paz 2026: «¡Abrámonos á paz!»
Next articlePresentación do conxunto escultórico: EPIFANÍA