A monumental sancristía de Santo Martín Pinario será a primeira sede da exposición itinerante A Catedral de Toledo: Custodia do sublime, promovida polo Cabildo da Catedral Primada con motivo do VIII Centenario do inicio da construción da catedral gótica de Toledo. A exposición, estruturada en seis bloques, reúne documentos orixinais, facsímiles e recursos gráficos que permiten percorrer oito séculos de historia da Catedral Primada desde unha perspectiva patrimonial, artística e espiritual. Poderá visitarse ata o próximo 15 de setembro, como parte do percorrido de visita do Museo Diocesano de Santiago de Compostela. Posteriormente, a exposición trasladarase ás cidades de Burgos e Madrid.
Esta mañá, representantes dos cabildos toledano e compostelán presentaban a mostra, destacando os lazos históricos de unión entre ambos os templos.












