O arcebispo de Santiago presidiu na Catedral a Solemnidade da Asunción

Este sábado, 15 de agosto, tivo lugar na Catedral de Santiago de Compostela a celebración solemne da Asunción da Virxe María, presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández.
A celebración estivo precedida pola tradicional procesión do Cabido e polo funcionamento do Botafumeiro, nunha xornada marcada tamén pola presenza de numerosos peregrinos.
Na súa homilía, monseñor Prieto Fernández presentou a María como modelo de fe e de vida para quen, como os peregrinos, entenden a existencia como un camiño cara á plenitude. O arcebispo profundou tamén no significado da Asunción da Virxe, que a Igrexa celebra como a entrada de María nos ceos en corpo e alma.
Unha invitación para recoñecer o ben recibido e dar grazas.
O prelado centrou boa parte da súa mensaxe no Magníficat, o cántico que o Evanxeo de Lucas pon en boca de María. A partir del, invitou os fieis a adoptar unha actitude de agradecemento e a recoñecer que todo canto son e viven constitúe un don.
«Todo o que somos foinos dado», afirmou durante a homilía, antes de invitar os presentes a descubrir tamén o valor das persoas que forman parte da súa vida cotiá.
Esa mirada, engadiu, debe estar acompañada da humildade de María, que se recoñece como «humilde serva do Señor». Unha humildade que, segundo explicou, non escraviza, senón que permite recoñecer, desde a verdade da propia vida, a presenza e a grandeza de Deus.

O arcebispo chamou tamén aos cristiáns para mirar a fraxilidade humana coa mesma misericordia coa que Dios contempla os seus fillos. Neste sentido, reclamou capacidade para perdoar, reconciliarse e achegarse a quen atravesa momentos de dificultade.

Unha chamada a permanecer xunto aos demais.

O prelado compostelán abordou tamén a necesidade de permanecer ao lado de quen sofre. A partir da actitude de María, que permaneceu xunto a Isabel, ao pé da cruz e cos discípulos, invitou os fieis a non apartarse ante as dificultades dos demais.

O arcebispo chamou a non «mirar para outro lado» e defendeu unha presenza cristiá na sociedade baseada na misericordia, a fraternidade e a xustiza.

Nesta tarefa incluíu tamén o respecto á dignidade de cada persoa e a toda vida. Reivindicou a necesidade de proclamar a verdade sobre o ser humano e de recoñecer a pegada de Dios en cada persoa, como expresión concreta desa misericordia.

Para o arcebispo, esta resposta debe darse no camiño cotián, a través de xestos e palabras: «Onde está presente un cristián, un discípulo, un fillo de Deus, un fillo de María ten que estar presente en palabra e en xesto a misericordia de Deus».

María, compañeira de camiño para os peregrinos.

Finalmente, o arcebispo vinculou a figura de María coa experiencia do peregrino. Lembrou que a Virxe «se puxo en camiño» e permaneceu durante tres meses xunto a Isabel, unha imaxe que trasladou á vida diaria dos cristiáns.

«María abrázanos desde o ceo», afirmou o arcebispo, antes de invitar os peregrinos e a todos os fieis a converterse tamén en compañeiros de camiño de quen comparte a súa existencia.

A celebración da Asunción concluíu cunha chamada a vivir a fe desde o agradecemento, a misericordia e a fraternidade, baixo a intercesión do apóstolo Santiago e con María como referencia dunha vida entregada a Deus e próxima aos demais.

Previous articleNomeamentos diocesanos na Diocese de Santiago de Compostela
Next articleO Novo Templo de Sanxenxo celebra medio século de historia coa mirada posta no futuro