Os scouts de Galicia e Portugal presentan ao arcebispo de Santiago, no marco do Proxecto Nortada, as súas iniciativas en relación co Camiño

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, recibiu este sábado 3 de outubro pola tarde, no Arcebispado, a representantes de Scouts de Galicia–ECG e do Corpo Nacional de Escutas (CNE) da diocese portuguesa de Viana do Castelo. Durante o encontro, os participantes presentáronlle os seus proxectos para estreitar a colaboración entre ambas as comunidades e facilitar a peregrinación dos grupos scouts a Compostela.
A reunión formou parte das xornadas de irmandamento que as dúas entidades celebran esta fin de semana en Santiago no marco do «Proxecto Nortada», unha iniciativa que busca dar continuidade aos vínculos entre o escultismo católico de Galicia e o norte de Portugal. A elaboración dunha guía scout do Camiño e a creación dunha rede de albergues foron algunhas das propostas que compartiron co arcebispo nun ambiente de proximidade e fraternidade.

 

Unha guía para vivir o Camiño desde a identidade scout.

Os representantes de ambas as organizacións trasladaron a monseñor Prieto a súa vontade de «seguir creando pontes» entre os grupos galegos e portugueses mediante iniciativas que unan a experiencia educativa, a convivencia e a fe.
Un dos proxectos consiste en elaborar unha guía ou manual dirixido aos scouts que realicen o Camiño de Santiago. A publicación reuniría oracións propias do movemento e información práctica sobre lugares de acollida e espazos onde os grupos poidan aloxarse ou acampar nun ambiente scout.
Esta proposta está vinculada o propósito de impulsar unha rede de albergues scouts que facilite a acollida dos peregrinos do movemento. Trátase de ofrecer recursos que axuden a preparar o Camiño e a vivilo de acordo coa súa identidade e o seu xeito de compartir a fe e a vida en grupo.
Durante a conversación tamén se abordaron outras iniciativas de colaboración, como «Composcout», incluída no programa destas xornadas como unha insignia conmemorativa común. As mesas de traballo da fin de semana contemplan, ademais, a coordinación pedagóxica, o deseño de roteiros compartidos de peregrinación e a preparación de actividades transfronteirizas accesibles para os grupos.

 

Un corazón como recordo dun encontro fraterno.

Un dos momentos máis próximos da visita foi a entrega ao arcebispo dunha peza decorativa con forma de corazón. O agasallo reunía un traballo artístico minucioso e a participación de nenos con discapacidade, vinculados a unha institución, que interviñeran na súa pintura.

Esa achega daba ao obsequio un significado especial para quen o entregou, polo valor do traballo conxunto e polas persoas que contribuíran a realizalo.

A ofrenda ao Apóstolo pechará as xornadas de irmandamento.

O encontro transfronteirizo, convocado para os días 3 e 4 de outubro, combina formación, traballo conxunto e momentos de oración. O seu programa contemplaba unha travesía e un paso simbólico da fronteira entre Valença e Tui antes do traslado a Compostela, como expresión do achegamento entre ambas as comunidades.

As xornadas concluirán este domingo coa participación da delegación galego-portuguesa na Misa do Peregrino, que se celebrará ás 12.00 horas na Catedral de Santiago. Durante a eucaristía está prevista a tradicional ofrenda e invocación ao Apóstolo en nome do escultismo católico de ambas as beiras do Miño.

Coincidindo co inicio do curso, Scouts de Galicia–ECG lembrou tamén que mantén un punto permanente de atención ás familias no mosteiro de San Martiño Pinario, con acceso pola praza de Xoán XXIII. Alí poden informarse sobre os grupos católicos de Santiago e a súa comarca e coñecer unha proposta de educación no tempo libre que combina natureza, formación en valores, servizo comunitario e crecemento na fe.

Previous article«Deus ámate como es, pero sóñate mellor»: un Camio a Santiago para volver a crer no futuro
Next articleEl arzobispo de Santiago anima a compartir el don de la fe «con humildad y alegría» en la Vigilia Diocesana por las Misiones