A Luz da Paz de Belén volve iluminar Galicia da man dos Scouts Católicos

A Arquidiocese de Santiago de Compostela volve recibir a Luz da Paz de Belén, unha tradición que cada ano achega a Galicia este símbolo de esperanza grazas ao traballo da Federación de Scouts Católicos de Galicia.
Máis aló da súa dimensión do Nadal, a Luz da Paz de Belén convida a reflexionar sobre a necesidade de manter viva a esperanza nun contexto marcado por conflitos e incertezas. Este xesto, compartido en numerosos países, reforza valores universais como a solidariedade, a convivencia e o compromiso cos demais.
Dentro dos actos celebrados este ano, un grupo de scouts mantivo un encontro cos bispos de Galicia no Palacio Arzobispal, un momento de diálogo e proximidade que permitiu visibilizar a realidade do escultismo nas distintas dioceses galegas e a importancia da súa presenza na vida pastoral.

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, tomou a palabra en nome do conxunto do episcopado galego para dirixirse aos Scouts Católicos de Galicia. Na súa intervención, animou aos mozos para vivir a súa fe con coherencia e a converterse en transmisores de esperanza, lembrando que Deus segue presente na historia e quere facerse próximo á humanidade. Así mesmo, convidounos a percorrer un camiño marcado pola esperanza, guiados por unha luz que impulse o seu compromiso cristián.

A nivel estatal, o acto principal da chegada da Luz da Paz de Belén a España tivo lugar o domingo 14 de decembro na Catedral de San Salvador de Oviedo.

No ámbito galego, os Scouts Católicos de Galicia convocan á cidadanía para participar na repartición da Luz da Paz de Belén, que este ano se desenvolve baixo o lema «Unindo corazóns, iluminando o mundo». O encontro celébrase hoxe 20 de decembro, ás 17:00 horas, na igrexa de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago de Compostela.

Durante a celebración entregarase a Luz da Paz como signo de unidade, esperanza e compromiso cunha sociedade máis fraterna. Desde o movemento Scout anímase a quen a reciba a compartila posteriormente en parroquias, residencias de maiores, fogares e outros espazos onde poida converterse nun xesto de proximidade e acompañamento.

Previous articleMons. Prieto Fernández presidirá a eucaristía na festa da Sagrada Familia na parroquia de Os Tilos (Teo)
Next articleEncontro dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago coa Fundación Monte do Gozo