O arcebispo de Santiago anima a compartir o don da fe «con humildade e alegría» na Vixilia Diocesana polas Misións

  • Codeso reuniu a diocese nunha vixilia para rezar polos que levan o Evanxeo ao mundo.
A parroquia de Santa Eulalia de Codeso, en Boqueixón, celebrou o sábado 3 de outubro a Vixilia Diocesana polas Misións, presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández. O encontro, organizado polo equipo da Delegación Episcopal para as Misións, cuxa delegada é Fátima Noya Varela, xunto coa comunidade parroquial, enmarcouse no centenario do DOMUND, que se celebrará o próximo 18 de outubro.
Baixo o lema «Un en Cristo, unidos na misión», a xornada achegou a nenos, mocidade adultos a vida dos misioneiros a través dos seus testemuños e da oración. Antes da vixilia, que comezou ás 19.00 horas, os máis pequenos participaron nun encontro de convivencia e animación misioneira.

Esther e María achegaron a mocidade a vida das misións en Etiopía.

As misioneiras Esther, natural de Quenia, e María, nacida en Madrid, compartiron coa mocidade a súa experiencia en Etiopía. Falaron das necesidades das comunidades ás que acompañaban, das dificultades do seu traballo e da alegría que atopaban ao dedicar a súa vida aos demais.
O acceso á auga potable, a atención a bebés con desnutrición e o acompañamento de nenos en situación de rúa foron algunhas das realidades que explicaron. Os seus relatos mostraron como o anuncio do Evanxeo ía unido ao coidado das persoas: procurar alimento, facilitar a escolarización, escoitar e ofrecer un lugar onde sentirse queridos.

Ester lembrou que a súa vocación comezara ao coñecer unha realidade moi distinta da da súa contorna, durante unha visita ao norte de Quenia. Aquela experiencia cambiou o seu xeito de mirar o sufrimento alleo. Ante a mocidade, destacou o valor de compartir o tempo e de acompañar a quen necesitaba axuda, tamén na propia familia e entre os amigos.
María relatou un camiño marcado pola enfermidade dun ser querido. Tras estudar Empresariais, crear unha empresa e traballar nunha consultoría, deixou este último emprego para coidala. Naqueles meses descubriu o sentido de estar ao lado doutra persoa, mesmo cando non era posible aliviar a súa enfermidade. Despois do seu falecemento, unha experiencia misioneira levouna a recoñecer nesa entrega a súa vocación.
Especialmente emotivo foi o seu testemuño sobre os nenos en situación de rúa que acudían á misión para comer, estudar e xogar. Explicou a dor de velos marchar á noitiña sen poder ofrecerlles aínda un fogar, pero tamén a esperanza que espertaban os cambios que observaba neles ao recibir coidados e cariño.

O arcebispo recordou que todos estaban chamados a participar na misión.

O arcebispo lembrou que todos estaban chamados a participar na misión. Durante a vixilia, ante o Santísimo, monseñor Prieto partiu da oración de Xesús pola unidade dos seus discípulos para lembrar que a fe chegara a cada persoa a través doutras vidas. Invitou a agradecer o testemuño de pais, avós, catequistas e sacerdotes, e a preguntarse a quen podían achegar agora o amor de Cristo.
O arcebispo situou o comezo da misión na propia conversión. Animou a revisar o costume de xulgar antes de escoitar, a indiferenza e as actitudes que podían afastar aos demais. Tamén chamou a prestar máis atención ás persoas próximas e a non permitir que as pantallas ocupasen o lugar do encontro.
En relación co lema da xornada, explicou que a unidade cristiá constrúese acollendo as diferenzas e recoñecendo a riqueza que cada persoa achega á comunidade. Defendeu unha vida parroquial na que prime a escoita, perdón e axuda mutua, de modo que quen chegasen feridos atopasen acollida. Advertiu, así mesmo, de que as divisións e os enfrontamentos debilitaban a credibilidade do testemuño cristián.

A súa reflexión tivo presentes ás vítimas da violencia, as familias obrigadas a abandonar a súa terra, quen carecía dunha vivenda digna, os nenos desprotexidos e as persoas que vivían en soidade.
Tamén invitou a soster os misioneiros con oración, solidariedade e xenerosidade, e a abrirse a unha posible chamada persoal: «Que queres de min? Onde me chamas ou me envías?». Lembrou que a axuda concreta e o interese por acompañar a unha comunidade misioneira permitían compartir a súa tarefa desde calquera lugar.

Manolo Carreira compartiu o aprendido en 34 anos de misión en Guinea Ecuatorial.

A vixilia contou tamén co testemuño do irmán de La Salle Manolo Carreira, natural de Santiago, que dedicou 34 anos á misión en Guinea Ecuatorial. A súa intervención percorreu unha experiencia na que estiveron estreitamente unidas a educación, a formación cristiá e a atención ás necesidades básicass.
Carreira lembrou o seu traballo como profesor e as visitas aos poboados para acompañar a catequistas e animadores de comunidades cristiás. Destacou a entrega de quen mantivera viva a fe durante anos de persecución, a pesar de dispoñer de escasos medios e formación.

Esa realidade levouno a impulsar, xunto cunha irmá agostiña, unha escola de catequistas. A súa posta en marcha esixiu buscar profesorado, preparar materiais e resolver necesidades tan elementais como o abastecemento de auga e a alimentación. Nese esforzo, agradeceu o apoio de persoas e entidades que fixeron posible soster o proxecto.
O relixioso falou tamén da atención sanitaria, a protección de mananciais e as dificultades para ensinar a alumnos que percorrían longas distancias sen almorzar. Ao facer balance, subliñou canto recibira das persoas coas que compartiu aqueles anos: «Eu fun evanxelizado e a min déronme moito».
A celebración incluíu peticións polos misioneiros, as Igrexas dos cinco continentes, os cristiáns perseguidos, as vocacións e a unidade das comunidades. Ao finalizar, repartiuse a oración do DOMUND, prolongando a invitación para rezar por quen anunciaba o Evanxeo en todo o mundo.

Previous articleOs scouts de Galicia e Portugal presentan ao arcebispo de Santiago, no marco do Proxecto Nortada, as súas iniciativas en relación co Camiño
Next articleUna «casa de oración y de fraternidad»: la invitación del arzobispo a la Cofradía del Rosario en Bonaval