Os Scouts Católicos de Galicia reúnense en Santiago para compartir a Luz da Paz de Belén

  • Máis de 350 personas participaron nunha celebración marcada polos valores cristiáns, a convivencia e o compromiso solidario
 Un ano máis, Santiago de Compostela converteuse en punto de encontro para os Scouts Católicos de Galicia con motivo da tradicional repartición da Luz da Paz de Belén. É unha chama acesa na cova onde a tradición cristiá sitúa o nacemento de Xesucristo, e que desde 1987 percorre un longo camiño ata chegar a distintos países. Cada ano, un neno scout, acompañado dun guía, viaxa desde Viena ata Belén para recoller esta luz. Unha vez na capital austríaca, a chama distribúese por toda Europa e outros puntos do planeta como signo universal de paz.
Este ano, a Luz chegou a España a pasada fin de semana á cidade de Oviedo, onde responsables scouts e un grupo de mozos participaron nunha multitudinaria celebración para recollela e trasladala posteriormente a Santiago de Compostela. Foi o sábado día 20 cando tivo lugar o acto central de repartición en Galicia, considerado o corazón de todas as actividades desenvolvidas durante a fin de semana.
A xornada comezou desde primeira hora da mañá coa participación dos mozos e mozas scouts en diversos obradoiros organizados por idades. A través de dinámicas e actividades educativas, traballáronse o significado da luz, a mensaxe da Paz de Belén e os valores cristiáns que esta tradición representa: a solidariedade, o compromiso, o servizo e a fe vivida en comunidade.
Tras compartir o xantar nun ambiente festivo e de convivencia, chegou un dos momentos máis esperados do encontro. Ás cinco da tarde daba comezo a celebración da repartición da Luz da Paz, presidida polo señor arcebispo, acompañado por varios sacerdotes e un diácono. O acto, profundamente sentido e cheo de simbolismos, reuniu a uns 350 participantes, entre scouts de toda Galicia, catequistas e membros de distintas parroquias.

Durante a celebración, o arcebispo animou os presentes para “ser luz alí onde se atopen” e a compartir esa luz que, en palabras da Igrexa, é Xesús mesmo. Os novos scouts tiveron un papel activo ao longo de toda a liturxia, reforzando o carácter participativo e comunitario do encontro. Ao finalizar, a chama foi distribuída entre todos os asistentes, quen se comprometeu a levala aos seus fogares, parroquias e lugares de destino para continuar difundindo a súa mensaxe.
A actividade non terminou aí. Ao longo da tarde, os scouts desprazáronse a distintos espazos asistenciais e de caridade da diocese compostelá para compartir a Luz da Paz con quen máis o necesitan. Entre os lugares visitados atopábanse a Cociña Económica, o albergue Xoán XXIII e a Casa Sacerdotal, onde residen sacerdotes xa retirados.
Xa entrada a noite, tras a cea, os mozos saíron ás rúas da cidade para atoparse con persoas sen fogar. Con sinxeleza e proximidade, leváronlles un biscoito, desexáronlles as boas noites e, sobre todo, compartiron tempo e conversación con eles. Foron encontros especialmente conmovedores, nos que algunhas destas persoas se abriron, compartindo as súas historias e explicando como e por que chegaran a vivir na rúa. Estes testemuños impactaron profundamente aos rapaces, que viviron a experiencia como unha auténtica lección de humanidade e empatía.
Posteriormente tivo lugar una das actividades máis significativas da fin de semana: a denominada “ver da luz”. Esta vixilia nocturna, que vén realizando nos últimos anos, consiste en velar durante toda a noite para que a Luz da Paz de Belén non se apague. Organizados en quendas, os scouts participaron en momentos de oración, diálogo, reflexión e contemplación ante a chama, inspirándose tanto na vela de armas dos cabaleiros medievais como nas vixilias cristiás, que convidan a permanecer espertos á espera do nacemento da luz do novo día, símbolo da vida que Deus ofrece.
Xa na mañá do domingo, tras o almorzo, os participantes regresaron aos seus lugares de orixe para integrarse na Eucaristía dominical das súas parroquias. Despois da misa, a Luz da Paz foi repartida polos distintos territorios parroquiais, estendendo así a mensaxe vivida durante o encontro a comunidades, familias e veciños.
Para moitos dos asistentes, a experiencia foi “preciosa” e profundamente enriquecedora, non só polo significado relixioso da Luz de Belén, senón tamén pola oportunidade de compartir, servir e convivir. Unha vez máis, o escultismo católico galego demostrou que tradición, fe e compromiso social poden camiñar da man, iluminando con pequenos xestos un mundo que segue necesitando sinais de paz.
Previous articleO Arcebispo de Santiago preside o comité de organización dos encontros Igrexa – Empresarios
Next articleXornada de traballo de vicarios, delegados e directores de departamentos da Diocese