Hoxe domingo, a cidade de Santiago de Compostela acolleu un encontro clave para o movemento Scout Católico en Galicia. No marco da XVI Xuntanza Xeral Extraordinaria de Scouts de Galicia – Escultismo Católico Galego (ECG), todos os grupos que conforman a entidade déronse cita para actualizar o seu itinerario educativo e reafirmar o seu compromiso coa formación cristiá da mocidade.
Un dos fitos principais da xornada foi a adhesión oficial ao Programa de Mocidade (PDJ) dos Scouts Católicos de España, unha proposta pedagóxica que abarca a formación integral desde a infancia ata a mocidade. Esta decisión marca un paso importante para a organización galega, que incorporará unha nova rama educativa: os Castores, destinada a nenos e nenas de entre 6 e 8 anos. Desta maneira, o percorrido formativo cobre agora todas as etapas desde os 6 ata os 21 anos, promovendo a educación no tempo libre, o coidado da natureza e os valores do Evanxeo.
O encontro contou cunha representación destacada do ámbito nacional do escultismo católico. Estiveron presentes Juancho, presidente dos Scouts Católicos de España (MSC); Azucena, comisaria internacional e actual presidenta da Federación de Escultismo en España (FEE); Pablo Mena, secretario xeral do MSC; e Ana, tesoureira nacional; Miguel López Varela, consiliario interdiocesano dos Scouts. Tamén participaron responsables dos grupos locais.
Un dos momentos máis significativos do día foi a visita institucional ao bispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, quen recibiu aos representantes no Palacio Episcopal. Durante o encontro, dialogouse sobre os novos retos e liñas de traballo do escultismo católico, tanto a nivel diocesano como nacional.
A xornada incluíu a bendición da nova sede da Delegación Diocesana de Scouts de Santiago de Compostela, situada no emblemático edificio de San Martiño Pinario. Este espazo, a partir de agora, servirá tamén como punto de acollida para os miles de scouts peregrinos que cada ano chegan a Compostela, consolidándose como un lugar de encontro e referencia para o escultismo católico internacional.
A xornada culminou cunha comida fraterna na que se compartiron reflexións, vivencias e o agradecemento por un día marcado pola comuñón, a alegría e o impulso renovado da misión educativa scout.
Con esta Xuntanza, os Scouts de Galicia non só fortalecen a súa estrutura pedagóxica, senón que tamén reafirman o seu papel dentro do escultismo católico nacional e internacional, coa mirada posta en seguir acompañando a nenos, nenas e mozas no seu crecemento persoal, comunitario e espiritual.