- Monseñor Prieto pronunciou onte o pregón que dá o tiro de saída ás procesións // Este venres desfilará a Dolorosa
A Capela de Ánimas acolleu onte o Pregón da Semana Santa compostelá 2023, que correu a cargo do bispo auxiliar de Santiago, monseñor Francisco Prieto, a proposta da Irmandade da Esperanza. Nun acto no que participaron o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; o arcebispo, monseñor Julián Barrio; a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro; outras autoridades e numerosos confrades e veciños da capital galega, o prelado quixo destacar que “a semana axiña será santa e tomará as rúas e prazas de Santiago; farase luz para desvanecer as sombras e proclamar unha vez máis que non hai amor máis grande que dar a vida polos demais”.
Monseñor Prieto fixo un relato da paixón, morte e resurrección de Xesucristo, parándose nos episodios bíblicos, á vez que lanzou un chamamento á esperanza que inspira o tempo de Pascua.
“A Semana Santa lémbranos unha vez máis que a última palabra non é morte senón resurrección. Cristo ensínanos que a vida vence a morte e a súa vitoria é tamén a nosa vitoria”, manifestou o bispo auxiliar na súa intervención, á vez que apuntou que “a fe confírmanos que o resucitado nunca nos abandonará; por iso neste punto necesitamos recuperar a esperanza. A Semana Santa pon a vida nas rúas, nas celebracións, procesións e nos corazóns dos que nestes días contemplaremos, adoraremos e proclamaremos de novo que o Nazareno resucitou e non está entre vos mortos”.
Ao pregón asistiron representantes de todas as irmandades de Semana Santa da cidade, unidas na Xunta de Confrarías que preside Luís Seoane. Despois deste tiro de saída, o programa de procesións comezará este venres, denominado de Paixón, co desfile da Virxe das Dores, que sairá da igrexa de San Miguel dos Agros, ás 21.00 horas. Xa o sábado, na Catedral de Santiago, celebrarase o Exercicio do Via Crucis, ás 19.30 horas. O Domingo de Ramos, día 2 de abril, sairá, as 10.45 h, da igrexa da Terceira Orde Franciscana Secular, a coñecida como procesión da Borriquiña, que fará unha parada na Praza da Quintana para a tradicional bendición das palmas e ramos de oliveiras.
Ese mesmo día, ás 18.00 horas, sairá da Capela de Ánimas a procesión da Esperanza, que dará paso ao desfile da Humildade, programada para o Luns Santo, 3 de abril, con saída da igrexa de Santa María do Camiño ás 21.30 h. A partir do Martes Santo o programa intensifícase notablemente ata o Domingo de Pascua, con varias procesións e actos relixiosos.
Fonte: El Correo Gallego












