O arcebispo de Santiago chama á esperanza e ao compromiso polo ben común na Festa da Translación do Apóstol

  • O arcebispo de Santiago presidiu a celebración na Catedral e pediu “trazar novos mapas de esperanza”, coa Ofrenda Nacional a cargo do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices.
  • Francisco José Prieto Fernández defendeu a centralidade da persoa, o valor da conciencia e unha Europa fiel ás súas raíces
O arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto Fernández, presidiu esta mañá a tradicional festa da Translación do Apóstolo Santiago, que se celebra cada 30 de decembro na Catedral compostelá, unha tradición instaurada por Felipe V no ano 1646. Nesta ocasión, a Ofrenda Nacional correu a cargo do presidente do parlamento galego, Miguel Santalices, quen actuou como Delegado Rexio.
A celebración reuniu a destacadas autoridades eclesiásticas e civís, así como a numerosos fieis e peregrinos. Concelebraron co arcebispo o cardeal arcebispo emérito de Madrid, mons. Antonio María Rouco Varela; o arcebispo emérito de Santiago, mons. Julián Barrio Barrio; o arcebispo de Mérida-Badaxoz, mons. José Rodríguez Carballo; o bispo de Ourense, mons. Leonardo Lemos Montanet; así como membros do Cabildo catedralicio e outros sacerdotes.

 

Na súa intervención, o presidente do Parlamento de Galicia lembrou a importancia histórica e espiritual do Camiño de Santiago e da tradición xacobea como vehículo de valores culturais e cristiáns compartidos. Santalices destacou a necesidade de diálogo, convivencia e cooperación e pediu protección para os máis necesitados, a paz, os dereitos humanos e a solidariedade. Finalmente, desexou que os preparativos do Ano Santo Compostelán 2027 sexan unha ocasión de enriquecemento espiritual e social para todos.
Pola súa banda, o arcebispo de Santiago iniciou a súa homilía situando a celebración nunha perspectiva histórica e espiritual profunda, evocando a Vicente Risco, quen afirmaba que “non podemos sair do presente mais que pola lembranza ou pola esperanza, que veñen a ser vos dous elementos da saudade”. Sinalou que a Catedral é “santuario de fe” e testemuña vivo dunha fe que non se vive á marxe da historia, senón dentro dela: “A Translación do Apóstolo celebra que o Evanxeo se transmite, encárnase e segue camiñando cos pobos”.
Unha chamada á esperanza.
Mons. Prieto describiu con claridade un tempo marcado pola incerteza, o cansazo moral e as profundas feridas abertas polos conflitos armados, as crecentes desigualdades sociais, a crise da vivenda, as migracións forzadas e os abusos de poder e de conciencia. Ante este escenario complexo, subliñou que “máis que nunca, a nosa sociedade e a nosa Igrexa necesita esperanza”.

Nesta liña, e facéndose ecos das palabras do papa León XIV, o arcebispo subliñou a urxencia de “trazar novos mapas de esperanza”. Insistiu en que a esperanza cristiá non consiste en escapar da realidade, senón en manter a convicción de que a historia segue aberta e de que o ben segue sendo posible. A fe, engadiu, non é unha forma de evasión, senón un modo responsable e comprometido de habitar o mundo. Para reforzar esta mensaxe, evocou ao Concilio Vaticano II, lembrando que “os gozos e as esperanzas, as tristezas e as angustias” da humanidade son tamén os da Igrexa.
Así mesmo, aludiu á profunda sede de transcendencia que atravesa á sociedade contemporánea, mesmo nun contexto dominado pola tecnoloxía e o individualismo, onde persiste unha procura de sentido que ningunha satisfacción inmediata logra ateigar.
Responsabilidade do testemuño na vida pública
O arcebispo tamén reflexionou sobre o papel do testemuño cristián na sociedade actual. Inspirándose nos Feitos dos Apóstolos, lembrou que o anuncio do Evanxeo se realiza principalmente a través de coherencia de vida e confianza en Deus. “Daban testemuño… con moito valor”, lembrou subliñando que ese testemuño hoxe xógase na vida diaria.
Familia, traballo, política, economía, educación e cultura foron presentados como os ámbitos concretos onde a fe se encarna. Mons. Prieto defendeu a centralidade da conciencia persoal, á que definiu como “lugar sagrado”, e afirmou que ningunha democracia pode sosterse sen cidadáns con conviccións éticas profundas.
Neste contexto, insistiu en que a fe non debe recluírse no ámbito privado. Sen impoñerse, pode e debe ofrecerse como unha achega ao ben común, defendendo a dignidade de toda persoa e promovendo unha sociedade máis xusta e humana.

Autoridad como servizo e responsabilidad compartida

Á luz do Evanxeo, o arcebispo lembrou as palabras de Xesús: “O que queira ser grande entre vós, que sexa o voso servidor”. Gobernar, lexislar ou administrar, sinalou, non é unha forma de dominio, senón unha vocación de servizo, especialmente cara aos máis vulnerables. Desde esta perspectiva, defendeu a centralidade da persoa humana como criterio fundamental de toda acción política e social, lembrando que o ser humano é “o principio, o suxeito e o fin” das institucións sociais.

Europa, vivenda e migración: retos e camiños de esperanza

Desde Santiago de Compostela, meta do Camiño que teceu durante séculos a identidade europea, Mons. Prieto dirixiu tamén a súa mirada a Europa. Convidou o continente a reencontrar a súa alma e a reafirmar os valores que o fixeron posible: dignidade, solidariedade, xustiza e responsabilidade compartida.

Ao referirse á crise da vivenda e ao fenómeno migratorio, o arcebispo remarcou que non se trata de estatísticas nin de balances económicos, senón de persoas concretas, con rostro e dignidade. Nesta liña, lembrou que non pode falarse de progreso auténtico cando este deixa a alguén atrás, unha convicción que o papa Francisco expresa con claridade en Fratelli tutti, ao insistir en que ninguén pode quedar descartado e que a fraternidade debe traducirse en decisións concretas.

Afirmou que acoller e integrar “non nos debilita, fortalécenos”, e chamou a promover políticas e respostas sociais capaces de garantir a seguridade sen sacrificar a dignidade humana, como condición indispensable para unha convivencia verdadeiramente xusta e solidaria.

Sembradores de esperanza

O arcebispo exhortou a todos a converterse en “sembradores de esperanza” mediante xestos cotiáns de honestidade, solidariedade e compromiso. Recollendo a chamada do papa León XIV, advertiu fronte á “globalización da impotencia” e animou a impulsar unha cultura da reconciliación, do compromiso e do coidado do próximo como resposta concreta aos desafíos do tempo presente.

Camiñar xuntos

Na conclusión, dirixida especialmente ao oferente, Mons. Prieto acolleu a ofrenda presentada e encomendou á intercesión do Apóstolo Santiago os pobos de España e, de maneira especial, a Galicia. Elevou unha oración por quen exerce responsabilidades públicas, pedindo que traballen polo ben común, a paz e a convivencia democrática.

O arcebispo tivo tamén palabras de oración polas súas Maxestades os Reis e a Familia Real, así como polo presidente do Parlamento galego e os seus colaboradores.

A celebración da Translación do Apóstolo, afirmou, é unha invitación para “camiñar xuntos, como Igrexa e como sociedade”, sen perder a esperanza. Coa mirada posta no próximo Ano Santo Compostelán 2027, lembrou que a apertura da Porta Santa será un signo de graza e de futuro: unha chamada para renovar a fe, a esperanza e o compromiso cunha sociedade máis xusta e solidaria.

 

 

Previous articleO arcebispo de Santiago preside unha Eucaristía na parroquia castrense de Santo Andrés, en A Coruña
Next articleA comunicación dixital da Arquidiocese de Santiago afiánzase e crece ao longo de 2025