A Arquidiocese de Santiago de Compostela pecha este ano 2025 con cifras que confirman un notable impulso na súa estratexia de comunicación dixital, convertida xa nunha das máis dinámicas e completas. As dúas principais plataformas informativas, archicompostela.org e pastoralsantiago.org, concentran boa parte deste crecemento sostido.
Durante o último ano, estes canais dixitais da Arquidiocese de Santiago difundiron máis de 2.900 noticias, reflexo dunha intensa e constante actividade pastoral, caritativa, institucional e social. Este elevado volume de contidos traduciuse en cerca de 2 millóns de registros diferentes, cifras que evidencian o crecente interese e o seguimento continuado da información diocesana por parte da sociedade.
Un potente despregue multimedia
O esforzo comunicativo susténtase tamén nunha ampla produción multimedia. Ao longo do ano publicáronse 68 vídeos, accesibles tanto en YouTube como na plataforma corporativa play.archicompostela.org, ademais de 243 audios e preto de 2.000 entrevistas difundidas nas webs diocesanas, así como a través dos programas Iglesia Noticia e El Espejo de COPE. A isto súmanse 4.000 imaxes aloxadas na galería dixital galeria.archicompostela.es, que documentan a vida pastoral, cultural, caritativa e social da Arquidiocese.
Ademais das redes sociais X, Facebook, YouTube, TikTok e Instagram, consolidouse como canal esencial de difusión e proximidade WhatsArchicompostela: un canal de WhatsApp cunha dobre función: recibir información e servir de vía directa para a difusión de noticias. Actualmente conta con máis de 600 persoas subscritas, que reciben periodicamente os contidos informativos.
Formación, recursos e comunicación sectorial
A Arquidiocese mantén a súa dimensión formativa e documental a través do Campus Archicompostela e da plataforma de cursos, concibidos como espazos temáticos diferenciados para consultar recursos, acceder a outros contornos web e participar en procesos de aprendizaxe a distancia. Estas ferramentas permiten, ademais, complementar a formación presencial e difundir documentos diocesanos.
Xunto ás webs centrais, numerosas delegacións, departamentos e organismos diocesanos manteñen os seus propios espazos dixitais, desenvolvendo unha labor comunicativa fundamental en ámbitos como a Delegación do Clero, a Pastoral Familiar, a Pastoral Xuvenil e Universitaria, Cáritas, a Delegación de Catequese, do Laicado, de Turismo, de Desenvolvemento Humano Integral, de Pastoral Penitenciaria, etc., así como tribunais eclesiásticos, espazos formativos ou institutos teolóxicos, entre outros. Este entramado de sitios especializados amplía o alcance da mensaxe e reforza a presenza da Igrexa diocesana na sociedade.
Trámites en liña
Cómpre destacar tamén, como un dos avances máis significativos, a implantación de máis de 30 formularios en liña, unha medida pensada expresamente para facilitar a vida das persoas e achegar a administración diocesana aos fieis, evitando desprazamentos innecesarios e simplificando os trámites. A través destes servizos dixitais é posible realizar desde a instancia xeral ou a solicitude de certificados sacramentais, ata xestións relacionadas con confirmacións e actividades parroquiais, así como un amplo conxunto de procedementos vinculados á xestión de cemiterios (cambios de titularidade, herdanzas, duplicados ou certificados de débeda), mellorando a atención, a axilidade e a comodidade para os usuarios.
Portal de Transparencia
Outro dos espazos web destacados da Arquidiocese de Santiago de Compostela é o seu Portal de Transparencia, unha iniciativa que reflicte o seu firme compromiso coa claridade, a accesibilidade e a proximidade cara aos fieis e a sociedade en xeral. Este portal ofrece un acceso áxil e organizado a documentos institucionais, informes económicos, plans pastorais e unha ampla variedade de recursos formativos, facilitando que calquera persoa interesada poida coñecer de maneira directa como se xestiona e organiza a vida diocesana.
Mirando a 2026
Lonxe de deterse, a Arquidiocese de Santiago continúa traballando na creación de novos espazos web e no desenvolvemento de funcionalidades e servizos dixitais, que se irán poñendo en marcha ao longo de 2026. Unha aposta decidida pola comunicación, a transparencia e a proximidade que sitúa a Igrexa compostelá na vangarda do ámbito dixital eclesial.












