Hoxe mércores, 1 de maio, tivo lugar o tradicional Encontro Diocesano de Nenos e Familias en Santiago de Compostela, organizado conxuntamente pola Delegación de Pastoral de Infancia e Mocidade, Familia e Catequese, baixo o lema: “Señor, ensínanos a orar”
Pola mañá, reuníronse centos de nenos de 3º a 6º de primaria, pais, docentes, catequistas e párrocos no Seminario Menor de Santiago, onde se desenvolveron diferentes obradoiros para traballar o tema da oración, coa participación tamén de mons. Francisco Prieto, así como a comida e os xogos.
O arcebispo destacou na acollida que “todos somos unha gran familia, que é a Diocese de Santiago de Compostela”. E animou os nenos para gozar da xornada e a descubrir a oración: “falar a Deus co corazón”.
Nestes obradoiros houbo moita diversidade, desde métodos de traballo pastoral con nenos como Godly Play e catequeses do Bo Pastor, ata a participación dos Irmáns Carmelitas Contemplativos, os Xesuítas ou as Fillas de Santa María do Corazón de Xesús etc.
A xornada pechouse coa Eucaristía que presidiu o arcebispo na Catedral compostelá. Unha cerimonia chea de símbolos, como os carteis debuxados polos nenos nos seus obradoiros da mañá e presentados xunto ás ofrendas do pan e do viño.
Durante a homilía, D. Francisco convidou a 6 nenos a compartir o aprendido ao longo da mañá: Alfonso, Alexandra, Itziar, Claudia, Nicolás e Gonzalo. Todos coincidiron en que aprenderon a orar con Deus, pero cada un dunha forma diferente: desde as cancións, cos ollos pechados, a través das lecturas da Biblia, desde o silencio…
O arcebispo pediu aos nenos que non deixen de fablar con Deus e que sexan agradecidos ás sus familias, aos catequistas, aos sacerdotes…: “a primeira palabra que ten que agromar da oración é graciñas”.