Os Equipos de Nosa Señora celebran o seu encontro rexional nol Seminario Menor da Asunción

  • A xornada reuniu a matrimonios comprometidos co crecemento espiritual e a vida en comunidade.
O Seminario Menor da Asunción acolleu esta pasada fin de semana o encontro rexional dos Equipos da nosa Señora, unha cita dirixida especialmente a matrimonios que buscan vivir a súa fe de xeito compartido e profundar no seu compromiso cristián. A xornada, celebrada o domingo 12 de abril, incluíu unha Eucaristía ás 17.00 horas presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández.
Os Equipos da nosa Señora constitúen un movemento orientado a acompañar a matrimonios no seu camiño espiritual e humano. A súa finalidade é axudar as parellas para “ser felices seguindo a Cristo xuntos e cumprir a súa vontade”, promovendo espazos de oración, formación e apoio mutuo. O termo “equipos” responde precisamente a ese obxectivo común: avanzar conxuntamente no coñecemento de Deus, compartir a fe e sosterse uns a outros na vida cotiá.
Neste contexto, a celebración eucarística converteuse no eixo central do encontro. Durante a súa homilía, o arcebispo puxo o foco no significado da Pascua como fonte de alegría e paz verdadeira.
O prelado invitou os asistentes a vivir unha fe aberta e comprometida, superando o individualismo e reforzando o sentido de comunidade e familia. Lembrou que a presenza de Cristo faise especialmente visible no encontro cos demais, animando aos matrimonios para trasladar esta vivencia aos seus fogares e equipos.
O encontro concluíu cunha chamada a vivir a Pascua como un tempo de renovación e compromiso, no que a fe se traduza en accións concretas. Para os Equipos da Nosa Señora, esta xornada supón un impulso na súa tarefa de acompañar os matrimonios, fortalecendo a súa vocación de comunidade e o seu camiño compartido cara a Deus.

Previous articleTraslado do Santísimo Cristo da Paciencia de Conxo
Next articleCurso intensivo sobre “A arte de recomezar”