A parroquia de San Xosé da Coruña acolleu esta tarde ás 17:00 hh. a celebración da Paixón do Señor que presidiu o Arcebispo electo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco Prieto.
O Venres Santo a Igrexa fai memoria da Paixón do Señor e adoración da Cruz. Seguindo unha antiquísima tradición, non se celebra a Eucaristía. Cristo crucificado é hoxe o centro da liturxia, un día para recoñecer, celebrar e proclamar que Cristo entregou a súa vida na cruz por nós e pola nosa salvación.
A Igrexa non celebra hoxe nin mañá a Eucaristía, o altar loce sen mantel, sen cruz, sen candesas nin adornos, pero conmemora con solemne sobriedade a Paixón e morte do Señor: escoitando a Palabra de Deus, coa oración universal rezando para que a todos os homes chegue a salvación de Cristo, adorando con devoción o madeiro santo da cruz como expresión de fe e agradecemento ao Señor, e comulgando do pan consagrado na Misa vespertina de onte.
D. Francisco e os demais ministros entraron en silencio e prostráronse no chan, ante o altar, significando a humillación da humanidade que implora perdón polos seus pecados, así como a tristeza e a dor da Igrexa. Vestidos de vermello, expresa o derramamento de sangue. É a cor dos mártires e de Xesús, que dá a súa vida por toda a humanidade.













