- O arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto, preside a Cea do Señor e dá inicio ao Triduo Pascual na Catedral compostelá.
- O lavatorio dos pés simboliza a chamada ao servizo e á humildade cristiá.
- A Eucaristía, o sacerdocio e a caridade fraterna, eixes dunha xornada central para a Igrexa.
A Catedral de Santiago de Compostela acolleu acolleu na tarde deste Xoves Santo a solemne celebración da Cea do Señor, presidida polo arcebispo, monseñor Francisco Prieto. Con esta liturxia, a Igrexa dá inicio ao Triduo Pascual, o período máis importante do calendario cristián no que se conmemoran a paixón, morte e resurrección de Xesucristo.
A cerimonia reuniu, entre outros, ao arcebispo emérito, mons. Julián Barrio Barrio, xunto a membros do cabildo catedralicio, sacerdotes, membros da vida consagrada e numerosos fieis que participaron.
Na súa homilía, o arcebispo centrou a súa mensaxe no significado da “hora” de Xesús, un momento que definiu como a entrega total e definitiva do Fillo de Deus pola humanidade. “Chegou a hora… a hora na que Xesús nos amará ata o extremo”, afirmou, subliñando que nese acto se revela un amor que se doa completamente e que se fai presente en cada celebración eucarística.

Unha chamada á entrega e á fraternidade
Monseñor Prieto tamén destacou que a Última Cea non só é memoria dun acontecemento pasado, senón unha realidade viva que se actualiza en cada Eucaristía. Neste sentido, lembrou que o xesto de partir o pan e ofrecer o cáliz expresa a entrega total de Cristo, que “se dá enteiramente, pan de vida para o mundo”.
Así mesmo, subliñou que esta celebración é tamén unha chamada aos fieis para encarnar o amor fraterno como un compromiso real e cotián. Lembrou que a caridade non pode reducirse a un sentimento pasaxeiro, senón que é a expresión viva da fe, unha fe que se fai xesto, servizo e proximidade concreta cara a quen máis o necesitan.
O prelado tamén invitou os crentes a adoptar unha actitude humilde: axeonllarse ante o irmán, recoñecer a súa dignidade e traballar por unha convivencia baseada na xustiza, a verdade e a paz.
O lavatorio dos pés, signo de servizo
Un dos momentos máis significativos da celebración foi o tradicional lavatorio dos pés. Seguindo o xesto de Xesús cos seus discípulos, o arcebispo axeonllouse para lavar os pés de varios persoas, simbolizando o servizo e a entrega.

Lembrou que este xesto, propio dos servos en tempos de Xesús, representa a esencia da mensaxe cristiá: “Non veu para ser servido, senón a servir”. Engadiu que participar neste acto implica asumir o mesmo camiño de Cristo, un camiño que conduce da cruz á vida.
Este signo, xunto coa institución da Eucaristía e do sacerdocio, constitúen os piares do Xoves Santo, tamén coñecido como o día do Amor Fraterno.
Invitación á oración e continuidade do Triduo
Ao concluír a misa, o Santísimo Sacramento foi reservado no Monumento para a súa adoración, invitando os fieis a prolongar a oración e a meditación durante a noite.
O Triduo Pascual continuará este Venres Santo coa celebración da Paixón do Señor, que será presidida polo arcebispo ás 18:00 horas na mesma catedral, nunha das citas máis solemnes e sobrecolledoras da Semana Santa compostelá.













