Roma foi este mércores, 27 de agosto, escenario dun xesto que mira ao futuro. No marco da peregrinación diocesana da Arquidiocese de Santiago ao Xubileu da Esperanza, o arcebispo compostelán, monseñor Francisco José Prieto Fernández, tivo ocasión de saudar o Papa León XIV ao termo da audiencia xeral celebrada na aula Pablo VI.
Durante o encontro, o arcebispo de Santiago trasladou ao Pontífice a invitación para visitar Compostela no Ano Santo de 2027 e rezar ante a tumba do Apóstolo. Coas súas palabras quixo transmitir tamén a esperanza e a ilusión de toda a Igrexa diocesana ante a gran cita xubilar que xa se albisca no horizonte.
León XIV agradeceu cordialmente a invitación. A confirmación dunha eventual visita debe concretarse no marco das canles protocolarias habituais.
A xornada, na que os peregrinos composteláns cruzaron a Porta Santa da basílica de San Pedro, quedará marcada non só pola emoción de camiñar en Roma, senón tamén pola esperanza de ver algún día ao sucesor de Pedro abrazar ao Apóstolo Santiago na Catedral compostelá.













