O Arcebispo de Santiago invita a toda a Diocese a unirse en oración pola saúde do papa León XIV

Queridos diocesanos:

O papa León XIV anunciou o pasado domingo, ao termo do rezo do Ángelus, que nos próximos días someterase a unha intervención cirúrxica para extirpar un nódulo no pulmón, detectado nunha fase moi inicial. Ao compartir esta noticia, o Santo Padre encomendouse á oración de toda a Igrexa.
Como pastor da Igexa que peregrina en Santiago de Compostela, invítovos a acoller esta petición con fe e afecto filial. Queremos que o Papa sinta a proximidade da nosa comunidade diocesana e o apoio da nosa oración nestes momentos.
Por iso, dispoño que, en todas as parroquias, comunidades relixiosas e demais lugares de culto da nosa arquidiocese inclúase unha petición expresa pola saúde do Santo Padre na oración dos fieis da Eucaristía e nas preces da Liturxia das Horas. Pido tamén que se ofreza por esta intención o rezo do santo Rosario. Supliquemos ao Señor que a intervención transcorra favorablemente, que ilumine e guíe os profesionais sanitarios que o atenden e que lle conceda fortaleza, serenidade e unha pronta recuperación.
Convido os sacerdotes, diáconos, membros da vida consagrada e fieis laicos, así como aos movementos e asociacións eclesiais, a facer súa esta intención na oración persoal e comunitaria. Que tamén nos nosos fogares atopemos un momento para rezar xuntos por quen recibiu a misión de confirmarnos na fe e servir a unidade da Igrexa.
A nosa oración polo Papa únenos tamén a todas as persoas enfermas, ás súas familias e a quen as coida. Teñámolas presentes na nosa pregaria e acompañémolas con xestos concretos de escoita, axuda e proximidade.
Encomendamos o Santo Padre á intercesión da Virxe María, Saúde dos Enfermos, e do apóstolo Santiago. Que o Señor o sosteña co seu amor, concédalle a saúde e fortalézao no seu ministerio ao servizo de toda a Igrexa.

Co meu afecto e bendición,

† Francisco José Prieto Fernández
Arcebispo de Santiago de Compostela

 

Previous articleMons. Prieto invita a escoitar co corazón e a coidar dos demais na celebración da Virxe do Pilar
Next articleO Instituto Teolóxico Compostelán acollerá a mesa redonda “A misión ad gentes e os misioneiros diocesanos”