- A Fundación Barrié cede á Arquidiocese de Santiago un órgano de Gerhard Grenzing.
- Mons. Francisco José Prieto: “Conservar o noso patrimonio non consiste unicamente en protexer aquilo que recibimos. Consiste, sobre todo, en mantelo vivo, facelo frutificar e transmitilo con xenerosidade a quen virá despois de nós”.
- Esta mañá tivo lugar na igrexa de San Martiño Pinario o acto de presentación do órgano que a Fundación Barrié cede, en réxime de comodato, á Arquidiocese de Santiago de Compostela, e que xa se atopa instalado neste templo. O acto contou coa presenza do arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, e de Pilar Romero, presidenta da Fundación Barrié.
- O órgano foi construído en 1995 polo mestre organero Gerhard Grenzing no seu taller do Papiol (Barcelona), por encargo da Fundación Barrié, que quixo dotar deste instrumento ao auditorio da súa nova sede na Coruña, inaugurada en xuño daquel ano. Presentouse ao público cun ciclo inaugural de cinco concertos, que comezou o 30 de outubro de 1995 cunha actuación do organista alemán Hubert Meister, catedrático da Escola Superior de Música de Múnic. Preto de catro mil persoas asistiron a aquel primeiro ciclo.
- Concibido dentro do espírito clásico, tanto polas súas características técnicas como pola composición dos seus rexistros, o órgano foi deseñado para ofrecer unha gran versatilidade dentro das súas dimensións, cun tacto agradable e unha resposta rápida que permitisen abordar boa parte do repertorio organístico. Conta con transmisión mecánica, consola «en fiestra», dous teclados de 56 notas -con teclas de pau de rosa e sostidos de buxo- e un pedaleiro de carballo de 30 notas.
- O moble foi deseñado polo arquitecto Simon Platt, autor tamén da fachada do gran órgano do Auditorio Nacional de Música de Madrid. En 1995 xa soaban outros dous órganos de características similares, aínda que cunha estética propia: un na Universidade de Kobe (Xapón) e outro nunha basílica de Roma.
- Durante a súa intervención, o arcebispo de Santiago destacou que a incorporación deste instrumento forma parte das iniciativas impulsadas pola Arquidiocese con motivo do Ano Santo Compostelán 2027, concibidas para poñer en valor o patrimonio histórico, artístico e espiritual da Igrexa compostelá. «A chegada deste órgano a San Martiño Pinario ten un significado que vai moito máis alá da incorporación dun novo instrumento musical. Supón, en certo xeito, recuperar e prolongar unha tradición que forma parte de la propia identidade deste lugar», sinalou.

O prelado destacou ademais o valor singular da igrexa de San Martiño Pinario, definida como un dos mellores exemplos de como «a fe inspirou algunhas das máis altas expresións da creatividade humana», integrando arquitectura, escultura, pintura e música nun espazo concibido para favorecer o encontro con Deus. Neste sentido, lembrou que a música ocupou sempre un lugar privilexiado na historia do mosteiro e que a chegada do novo instrumento supón «recuperar e prolongar unha tradición que forma parte da propia identidade deste lugar».
Monseñor Prieto puxo tamén en valor a calidade artística e artesanal do órgano construído por Gerhard Grenzing, ao que definiu como unha magnífica expresión do oficio da organería, capaz de unir precisión técnica, coñecemento musical e sensibilidade artística. Así mesmo, subliñou que a súa instalación en San Martiño Pinario abre un novo capítulo na colaboración que desde hai anos manteñen a Fundación Barrié e a Arquidiocese de Santiago, unha cooperación orientada á conservación e difusión do patrimonio cultural: «A colaboración entre institucións permite converter o patrimonio recibido nunha realidade viva, aberta á sociedade e ao servizo das xeracións presentes e futuras».
Monseñor Prieto puxo o acento na dimensión cultural e educativa desta iniciativa, destacando que o órgano «chega para ter vida, para soar e para converterse nun instrumento ao servizo de numerosas iniciativas culturais, educativas e musicais». Así, subliñou a súa contribución tanto ao impulso de concertos e actividades artísticas que enriquecerán la oferta cultural da cidade como á formación de novas xeracións de organistas a través da Escola Diocesana de Música Litúrxica: «Cultura, educación, patrimonio e fe atopan así un novo punto de encontro ao redor deste instrumento».
Antes de concluír, expresou o seu desexo de que o instrumento atope en San Martiño Pinario «un espazo especialmente fecundo», capaz de encher de beleza este conxunto monumental, espertar novas vocacións musicais e ofrecer a visitantes e peregrinos unha experiencia que transcenda la mera contemplación artística.
O acto concluíu cunha breve audición a cargo do propio Adrián Regueiro, que permitiu aos asistentes escoitar o instrumento na súa nova localización.
Gerhard Grenzing (Insterburg, 1942) é un mestre organero de prestixio internacional, especializado na construción e restauración de órganos históricos. Formouse en Hamburgo, no obradoiro de Rudolf von Beckerath, e ampliou os seus coñecementos en diversos obradoiros europeos. En 1967 comezou a súa actividade restaurando órganos históricos en Mallorca e en 1973 estableceu o seu propio obradoiro no Papiol (Barcelona).
Os seus traballos, presentes en numerosas institucións de Europa, América e Asia, combinan a recuperación do patrimonio organístico histórico coa construción de novos instrumentos. Entre eles destaca o gran órgano da Sala Sinfónica do Auditorio Nacional de Música de Madrid (1991), polo que recibiu a Medalla de Prata ao Mérito en las Belas Artes. Ostenta tamén o título de Mestre Artesà Orguener de la Generalitat de Catalunya.













