A educación ante o reto da diversidade centra as Conferencias de Primavera do ITC

  • O ciclo, inspirado nun recente documento pontificio, aborda o papel da educación como eixe da esperanza.
  • Fernando González Alonso destaca a migración como una realidade humana que interpela o sistema educativo.
  • O arcebispo de Santiago subliña a necesidad de situar a dignidade da persoa no centro do debate social.
O Instituto Teolóxico Compostelán (ITC) celebra os días 5 e 6 de maio de 2026 unha nova edición das súas tradicionais Conferencias de Primavera, que este ano se desenvolven baixo o título “Deseñar novos mapas de esperanza”. A iniciativa inspírase na Carta Apostólica publicada o 27 de outubro de 2025, coincidindo co 60 aniversario da declaración conciliar Gravissimum educationis, na que se resalta o papel esencial da educación na vida humana e na misión da Igrexa.
O documento pontificio, citado durante a inauguración, subliña que a educación non é unha tarefa secundaria, senón “o tecido mesmo da evangelización”, e invita as comunidades educativas a adoptar unha actitude dinámica, capaz de “construír pontes” e abrir novas vías para a transmisión do coñecemento.
A primeira xornada, celebrada hoxe martes na aula Magna do ITC, contou coa intervención de Fernando González Alonso, decano da Facultade de Educación da Universidade Pontificia de Salamanca, quen ofreceu o relatorio “A migración e a interculturalidade na educación”.
Durante a súa intervención, González Alonso destacou que a migración debe entenderse desde unha perspectiva profundamente humana: “A migración non entra na escola como un dato máis. Entra con rostros, nomes, biografías e con futuro”. Neste sentido, defendeu a necesidade de transformar a mirada educativa ante unha sociedade cada vez máis diversa, lembrando que en España o alumnado estranxeiro pasou do 0,4% en 1991 ao 12,9% en 2024.
O relator expuxo un cambio de enfoque: máis aló de preguntarse como integrar ao alumnado inmigrante, propuxo reflexionar sobre que tipo de escola require unha sociedade plural. Así mesmo, subliñou que a acollida debe ser “preventiva e comunitaria”, e non meramente reactiva, apostando por unha cultura institucional baseada na atención, o acompañamento e a mediación.
González Alonso tamén alertou contra interpretacións simplistas das dificultades educativas, sinalando que “non podemos atribuír á cultura as dificultades, hai que as atribuír á precariedade”. Nesta liña, avogou por proxectos interculturais que superen o “folclore” e fomenten unha verdadeira convivencia baseada en valores como a empatía, a hospitalidade e a capacidade crítica.
O papel do profesorado ocupou igualmente un lugar central na súa reflexión. Fronte a modelos limitados á transmisión de contidos, defendeu unha figura docente como “mediador de humanidade”, capaz de xerar vínculos, garantir a dignidade e construír sentido de pertenza. “Un mestre ha de saber ensinar… e mirar”, afirmou.

O acto contou tamén coa presenza do arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, quen destacou o reto que supón para a sociedade actual situar á persoa no centro. Na súa intervención, subliñou que “na dignidade é onde debemos atoparnos” e apelou a un equilibrio entre razón e emoción na participación social, invitando a actuar “con criterio e desde a fe”.
Xunto a eles estiveron o director do ITC, Alfonso Novo-Cid Fuentes, e o delegado para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral, José Ramón Amor Pan, nunha xornada que puxo de relevo a importancia da educación como ferramenta clave para afrontar os desafíos dun mundo en transformación.

Previous articleConfirmacións na Parroquia de Santo Antonio de Fontiñas
Next articleCáritas Diocesana de Santiago crea a empresa de inserción social ARREDONDA para actuar inicialmente sobre 120 hectáreas e contribuír á prevención de incendios forestais