Unha iniciativa con impacto social, territorial e ambiental
Arredonda inicia a súa actividade cunha primeira base operativa no norte da diocese (A Coruña, Betanzos, Eume e Ferroltera) e para constituír nas próximas semanas outra no centro (Santiago, Ordes, Arzúa, Terra de Melide, A Barcala, Xallas, Noia e Muros) e o sur da diocese (O Sar, Barbanza, O Salnés, Caldas, Pontevedra e O Morrazo). Parte dun inventario inicial de 86 parcelas que suman un total de 120 hectáreas, unha superficie que se ampliará de forma progresiva a medida que se incorporen novos terreos vinculados á diocese, así como outros procedentes de clientes públicos e privados.
O proxecto desenvolverá servizos profesionais de roza, limpeza de parcelas, mantemento de zonas verdes, podas e conservación básica da contorna, con planificación técnica adaptada a cada intervención.
A previsión é iniciar a actividade cunha primeira brigada e ir incorporando equipos ata alcanzar tres centros de traballo operativos e un persoal de 13 persoas a peche de 2026, das cales 9 estarán en itinerario de inserción sociolaboral.
Durante a presentación, o arcebispo de Santiago, D. Francisco José Prieto, destacou o sentido profundo do proxecto e a súa vinculación co coidado do territorio. “Previr é coidar a vida e a creación que compartimos. Non podemos acostumar convivir coa destrución coma se fose inevitable. Arredonda é unha expresión concreta de compromiso coa terra e coas persoas que a habitan”, sinalou.
Pola súa banda, a directora de Cáritas Diocesana de Santiago subliñou a dimensión social e laboral da iniciativa. “Este proxecto nace para ofrecer oportunidades reais a persoas que atopan grandes dificultades de acceso ao emprego. Cada parcela coidada é tamén unha historia de dignidade e de futuro. A prevención de incendios e a inserción social van aquí da man”, afirmou.
Prevención de incendios, unha necesidade estructural do territorio
Nun contexto marcado polo abandono progresivo do medio rural e o aumento do risco de incendios forestais, o mantemento de parcelas e a xestión de biomasa convértense nunha necesidade estratéxica.
Arredonda actuará sobre leiras e espazos exteriores mediante labores de roza, limpeza e control de vexetación, contribuíndo a reducir a carga de combustible vexetal e mellorar a seguridade do territorio.
“O mellor incendio é o que non chega a producirse, e iso empeza polo coidado do territorio”, resumo desde o equipo técnico do proxecto.
Este tipo de actuacións enmárcanse na prevención estrutural, considerada clave para reducir a intensidade e propagación de incendios no medio rural
Formación e inserción como eixe do modelo
Arredonda apóiase nun itinerario formativo previo desenvolvido en colaboración coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) da Xunta de Galicia, que permite capacitar as persoas participantes en tarefas de mantemento forestal e de zonas verdes.
Este enfoque garante formación práctica, acompañamento técnico e seguimento sociolaboral, facilitando a transición cara ao emprego ordinario.
Con Arredonda, Cáritas Diocesana de Santiago reforza a aposta social da Igrexa por iniciativas que combinan emprego, territorio e arraigamento social, avanzando cara a modelos que superan a intervención asistencial tradicional.
A entidade comprométese a soster o proxecto na súa fase inicial e a consolidar un modelo que conecta emprego digno, coidado do territorio e prevención ambiental.
A economía social, prioridade en Cáritas Diocesana de Santiago
Arredonda nace vinculada inicialmente a parcelas da diocese, pero cunha clara vocación de apertura a administracións públicas, entidades privadas e particulares nun ámbito con crecente demanda de servizos especializados. O proxecto aspira a consolidarse como unha ferramenta estable de inserción sociolaboral e xestión forestal preventiva, con capacidade de crecemento, expansión e réplica no territorio.
En paralelo, intégrase no ecosistema de economía social impulsado por Cáritas Diocesana de Santiago, xunto a iniciativas como Arroupa con Moda Re-, reforzando unha estratexia común baseada na creación de emprego de inserción en distintos sectores. Con máis de 10 anos de traxectoria, a entidade xestiona actualmente cinco tendas na diocese e dá emprego a 36 persoas, combinando actividade económica e acompañamento sociolaboral. Nesta nova etapa, impulsa ademais a construción dunha nova planta de tratamento téxtil, que permitirá duplicar a súa capacidade produtiva e ampliar de forma significativa a xeración de emprego para persoas en situación ou risco de exclusión social.














