V Encontro Interdiocesano de Formación de Pastoral Familiar

Case oitenta axentes de pastoral familiar de toda Galicia déronse cita esta fin de semana en Santiago nas Quintas Xornadas Interdiocesanas de Formación. Este ano o tema elixido foi a familia como fonte de esperanza.

Abría os relatorios o sacerdote de Tui-Vigo, Ángel Carnicero, que fixo unha lectura “práctica” da bula Spes non confundit, con citas da Sacra Escritura e testemuños concretos para exercitarnos na esperanza. O director da Pastoral do Maior da diocese de Xetafe, Álvaro Medina, presentou o programa Rut de acompañamento a persoas maiores que viven unha soidade non desexada, sexa nos seus fogares ou en centros de maiores. A súa creatividade levouno a organizar un movemento de voluntarios que garanten que estas persoas reciban polo menos unha visita á semana.

A realidade do cárcere e o seu impacto nas familias, en especial dos fillos, das persoas privadas de liberdade foi analizada polo profesor da Universidade de Salamanca Rodrigo Carcedo. Nun tema sobre o que apenas hai datos, Carcedo presentou un estudo realizado por el mesmo con outros colaboradores no que queda de manifesto o grave dano psicolóxico que sofren os fillos dos reclusos.

O non menos difícil e fronteirizo tema dos enfermos de alcoholismo foi abordado por unha representante da Al-anon, que nos mostrou o camiño que han de emprender os familiares destas persoas para recuperar a auto estima e a autonomía.

Pechou as xornadas o domingo o matrimonio integrado por Ángela Rosa Romero e Leandro Rivero, que presentaron O programa Enredados, un proxecto que trata de acompañar a parellas novas non casadas sacramentalmente.

Hoxe domingo, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, fíxose presente neste V Encontro Interdiocesano de Formación, compartindo un momento de proximidade e alento cos axentes de pastoral familiar de Galicia. A súa visita foi recibida con gratitude polos participantes, que valoraron as súas palabras de ánimo e o seu compromiso coa realidade das familias galegas.

Mons. Prieto dirixiuse aos asistentes cunha reflexión na que destacou a idea central de que a familia é o lugar orixinario da esperanza, o primeiro espazo onde se aprende a esperar: esperar ao outro, confiar, acompañar os procesos con paciencia e a crer no futuro, mesmo no medio da fraxilidade. O arcebispo lembrou as palabras do papa Francisco nas que o pontífice definía á familia como o obradoiro onde se forxa a alma dun pobo.

Mons. Prieto vinculou á familia co Xubileu, tempo para volver empezar, para restablecer a xustiza e a comuñón queridas por Deus. En clave familiar, o xubileu concrétase na renovación dos vínculos interpersoais, na reconciliación e a sanación das feridas, no redescubrir a alegría de estar xuntos.

O prelado compostelán presentou á familia como escola de esperanza para o mundo, unha realidade na que, nunha sociedade marcada pola soidade e o individualismo, o amor cotián convértese en signo profético da esperanza.

Concluíu o arcebispo que baixo a mirada de María, nai da esperanza, cada familia pode redescubrir a súa vocación de ser fogar onde Deus habita.

Previous articleConfirmacións en Sanxenxo
Next articleO Arciprestado de Postmarcos celebra o seu Xubileu en Noia