O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco Prieto Fernández, presidiu o martes 20 de outubro, na igrexa parroquial de San Paulo da Coruña, a eucaristía de apertura do curso pastoral de Vida Ascendente. Concelebraron o vigairo da Coruña, Severino Suárez, e varios sacerdotes das parroquias da cidade.
Unha vida por agradecer e moito que ofrecer
Mons. Francisco Prieto comezou a súa homilía invitando os presentes a lembrar os rostros, os nomes e as experiencias que acompañaron as súas vidas. Unha mirada agradecida cara a quen compartiu o seu camiño, pero tamén cara ao amor que aínda poden ofrecer.
«Sexamos agradecidos polo recibido», expresou. O arcebispo animou a levar á eucaristía tanto as preocupacións do día como todo o vivido, coa certeza de que cada etapa mantén as súas posibilidades de entrega. O paso do tempo modifica as responsabilidades e as capacidades, pero non esgota a chamada a coidar doutros.
Nese sentido, subliñou que a achega das persoas maiores non depende de realizar grandes tarefas nin de asumir esforzos extraordinarios. A presenza, a compañía, a atención e a escoita son formas concretas de compartir recibir e de seguir participando na vida da Igrexa e da sociedade.
Espiritualidade, apostolado e amizade para soster o camiño
A homilía tivo como fío condutor os tres piares de Vida Ascendente: espiritualidade, apostolado e amizade.
Neste sentido, o arcebispo situou a relación persoal con Deus na base desa misión. A oración sinxela, a escoita e o estudo da Palabra e a celebración da eucaristía, explicou, alimentan a fe e sosteñen a capacidade de continuar amando e servindo. Invitou a rezar polos fillos, os netos e as persoas que forman parte da propia historia, así como a acoller as necesidades de quen está ao lado.
A partir da figura evanxélica do administrador fiel, presentou o apostolado como unha tarefa de coidado. Preguntarse que necesita o outro e que se lle pode ofrecer en nome de Xesús permite recoñecer oportunidades de entrega en xestos tan próximos como unha chamada oportuna, unha visita ou un momento de escoita.
Tamén profundou na amizade como expresión da comuñón cristiá. Máis aló das afinidades privados, sinalou, os membros do movemento están chamados a recoñecerse como irmáns en Cristo e a cultivar unha amizade que atope tempo e espazo para compartirse.
Un novo curso para vivir a fe e compartir a experiencia
No inicio desta nova etapa pastoral, Mons. Francisco Prieto animou aos participantes para mirar o futuro con esperanza. A súa reflexión invitou a non centrar a mirada unicamente nos anos acumulados ou no tempo que queda, senón na plenitude que esperan e na vida que aínda poden compartir.
Vida Ascendente é un movemento de apostolado seglar formado por persoas xubiladas e maiores, recoñecido e aprobado pola Conferencia Episcopal Española. A súa finalidade é axudar aos seus integrantes a crecer na fe, fomentar a amizade e participar activamente na Igrexa e na sociedade.









