Solemne celebración do Rito de Admisión ás Sagradas Ordes no Seminario Maior Interdiocesano "Santiago Apóstolo"

  • Andrés Fernando Figueroa Molina, Víctor Leis Rey, Juan Manuel Montenegro González e Francisco Javier Serrano foron admitidos oficialmente como candidatos ao diaconado e ao presbiterado tras un proceso de discernimento e acompañamento.
  • Na súa homilía, o arcebispo de Santiago subliñou que a chamada sacerdotal nace sempre da iniciativa de Deus e require deixarse transformar incluso nos momentos de aridez, cansazo ou incerteza.
. O Seminario Maior Interdiocesano “Apóstolo Santiago” viviu na tarde do domingo 14 de decembro de 2025, ás 18:30 horas, unha celebración de especial relevancia para a vida da Igrexa diocesana: o Rito de Admisión ás Sagradas Ordes de catro seminaristas, un acto litúrxico que marcou un fito no seu proceso vocacional e formativo. A solemne Eucaristía tivo lugar na capela do propio Seminario e congregou a un numeroso grupo de fieis, familiares, amigos, formadores e representantes de lugares aos que pertencían os candidatos.

Os seminaristas admitidos foron Andrés Fernando Figueroa Molina, Víctor Leis Rey, Juan Manuel Montenegro González e Francisco Javier Serrano, que deron un paso decisivo no seu camiño cara ao diaconado e o presbiterado. Con este rito, a Igrexa recoñeceu oficialmente, tras un tempo de discernimento, a autenticidade da súa chamada e a súa dispoñibilidade para continuar a preparación cara ao ministerio ordenado.
A celebración estivo presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto Fernández, acompañado por numerosos sacerdotes concelebrantes, entre eles responsables diocesanos, o reitor e o equipo formativo do Seminario Maior Interdiocesano, así como o reitor do Seminario Menor.

Unha chamada que nace de Deus

Na homilía, o arcebispo dirixiuse de maneira especial aos catro candidatos, situando o Rito de Admisión no contexto do Advento e da Palabra de Deus proclamada na liturxia. Mons. Prieto lembrou que a vocación sacerdotal non é unha iniciativa humana, senón unha resposta á chamada gratuíta de Deus, que toma a iniciativa e fai fecunda a vida de quen se deixa conducir por El.
Apoiándose na imaxe do profeta Isaías, o arcebispo explicou que sen a presenza de Deus a vida convértese en deserto, pero que cando Deus actúa, “a estepa alégrase e o deserto florece”. Neste sentido, subliñou que os seminaristas non chegaran ata ese momento por presentar unha terra perfecta ou sen aridez, senón porque Deus quixera sementar neles e facelos fecundos. Convidou así os candidatos a confiar sempre na acción do Señor, mesmo nos momentos de cansazo, dúbida ou fraxilidade.

 

Acompañar, non impoñer

O prelado compostelán tamén destacou a comprensión do ministerio como servizo e acompañamento. Neste sentido, sinalou que os futuros sacerdotes están chamados a ser enviados alí onde hai cansazo, escuridade ou procura incerta, para ofrecer proximidade, luz e esperanza. Ademais, insistiu en que o ministerio ordenado non se vive desde a imposición nin desde a esixencia, senón desde a oferta e o acompañamento, lembrando que o sacerdocio é ante todo un don que se recibe.
Mons. Prieto animou aos seminaristas para aprender a camiñar co pobo de Dios, tamén nos desertos, sen estrañar “paraísos perdidos”, confiando en que o Señor conduce sempre cara á terra prometida.

A autoridade que nace do testemuño
O arcebispo detívose tamén na figura de Xoán o Bautista e na súa pregunta a Xesús sobre se era El o Mesías esperado. A partir desta pasaxe evanxélica, reflexionou sobre as crises, as preguntas e as expectativas que xorden no camiño vocacional. Lembrou que Xesús respondeu non con teorías, senón con feitos, cunha palabra que se fai realidade e transforma a vida das persoas.
Desde esta clave, Mons. Prieto afirmou que a verdadeira autoridade na Igrexa non procede do cargo, senón da coherencia entre o que se anuncia e o que se vive. Neste sentido, lembrou que “a chamada non é un privilexio, é unha entrega”, convidando a vivir a vocación desde a humildade e a dispoñibilidade total.
Un ministerio pascual e de servizo
Outro dos aspectos destacados da homilía foi a dimensión pascual do ministerio sacerdotal. O arcebispo explicou que os candidatos estaban chamados a participar dun ministerio que afonda as súas raíces no misterio pascual de Cristo. Así, animounos a enraizarse nesta clave de servizo, lembrando as palabras de Xesús: non veu a ser servido, senón a servir.
En referencia ao Nadal, Mons. Prieto sinalou a importancia de mirar a Belén, onde Deus se manifesta na pequeñez e o silencio, lembrando que a grandeza no Reino de Deus non se mide por criterios humanos, senón pola sinxeleza do corazón.

 

O rito da Admisión

Tras a homilía, tivo lugar o Rito de Admisión propiamente dito. O reitor do seminario, José Antonio Castro Lodeiro, chamou a cada un dos candidatos polo seu nome e estes manifestaron publicamente o seu desexo de consagrarse ao servizo de Deus e da Igrexa. O arcebispo expresou a confianza da Igrexa no camiño percorrido polos seminaristas, apoiándose no informe favorable de quen os acompañaba na súa formación.

Ás preguntas sobre a súa vontade de completar a preparación necesaria para recibir a orde sagrada e de formarse para servir fielmente a Cristo e á súa Igrexa, os catro candidatos responderon cun decidido “Si, quero”. A Igrexa acolleu con alegría este propósito e encomendou a Deus a culminación da obra iniciada neles.

A celebración concluíu nun clima de acción de grazas e esperanza, deixando patente a importancia do Seminario Maior Interdiocesano “Apóstolo Santiago” como espazo de discernimento e formación. En pleno tempo de Advento, a Igrexa diocesana celebrou este acontecemento como un signo luminoso de futuro, confiando en que estes catro seminaristas continúen o seu camiño vocacional con fidelidade, alegría e espírito de servizo ao Pobo de Deus.

Previous articleFestividade de Santa Eulalia en Arca
Next articleO arcebispo visitou a Parroquia do Carme de Moaña