O arcebispo invita a vivir a fraternidade desde «un corazón reconciliado» no VIII Centenario do Tránsito de San Francisco

O domingo 4 de outubro, celebrouse no convento de San Francisco de Santiago unha eucaristía con motivo do VIII centenario do tránsito de san Francisco de Asís, presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández. Na súa homilía, invitou a levar o legado do santo á vida cotiá mediante a atención a quen está sós, a reconciliación e o compromiso de recoñecer e reparar o dano causado.
A conmemoración enmarcouse no Ano Xubilar concedido polo Papa a toda a Familia Franciscana, entre xaneiro de 2026 e xaneiro de 2027. O tránsito lembra o falecemento de Francisco á tardiña do 3 de outubro de 1226, vivido polo santo como o paso gozoso cara á vida eterna e o encontro con Dios.
Unha fraternidade que empeza por dedicar tempo ao outro.
O arcebispo comezou a súa reflexión coa palabra «irmán», cuxo significado Francisco foi ampliando ata abrazar a todas as criaturas e chamar irmá mesmo á morte. Oitocentos anos despois, propuxo achegarse á fe que fixo posible esa mirada e deixar que o Evanxeo atopase tamén espazo na vida dos crentes.
Presentou o santo de Asís como un dos pequenos dos que fala Xesús: alguén que aprendeu a deixarse ensinar por Deus e a recoñecer a súa necesidade de amor e perdón. Fronte ao afán de telo todo previsto, defender a propia imaxe ou demostrar autosuficiencia, sinalou que saberse fillo de Deus permite descubrir ao outro como un irmán, tamén cando pensa de xeito distinto ou a súa presenza resulta incómoda.
Monseñor Prieto invitou a prestar atención a quen necesita compañía, esperan unha visita ou buscan ser escoitados, aínda que non poidan ofrecer nada a cambio: «A fraternidade empeza cando consentimos que alguén interrompa os nosos plans».

Neste sentido, sinalou que esa forma de vivir naceu do encontro de Francisco con Cristo crucificado, en quen descubriu un amor que se entrega, acompaña ao ferido e abre camiño ao perdón. Explicou que a pegada de Xesús na vida cotiá faise visible na dispoñibilidade para servir, o coidado das palabras e a xenerosidade para compartir os propios bens.

A paz constrúese nas relacións de cada día.

O arcebispo tamén evocou a carta de León XIV á familia franciscana con motivo do centenario, na que o Papa presentou a Francisco, ao cabo da súa vida, como un home pacificado. A partir da súa chamada a ser «testemuñas desarmadas e desarmantes» da paz de Cristo, invitou a abandonar o rancor, a necesidade de ter sempre razón e a sospeita que impide recoñecer o ben nos demais.

Tamén destacou que escoitar sen humillar, dicir a verdade con caridade e pedir perdón con sinceridade poden abrir camiños de reconciliación. Así, nas comunidades relixiosas, as familias e as parroquias, explicou, a paz constrúese nos xestos cotiáns: á falar con respecto de quen está ausente, aceptar unha corrección ou acompañar a quen atravesa un momento difícil.

Reparar a Igrexa esixe escoitar e asumir responsabilidades.

Ao lembrar a misión de Francisco de reparar a casa de Deus, Mons. Prieto subliñou que esa tarefa segue aberta e require coherencia entre o que a Igrexa anuncia e a vida dos seus membros. Advertiu de que as rivalidades, a dureza no trato e o apego ás propias seguridades danan a credibilidade da mensaxe cristiá.

«Reparar a Igrexa esixe tamén recoñecer o dano causado», sinalou. Neste sentido, o arcebispo pediu escoitar a quen o sufra e asumir responsabilidades. Lembrou ás persoas que se afastaron porque atoparon indiferenza cando necesitaban acollida, recibiron xuízos cando esperaban comprensión ou foron feridas despois de depositar a súa confianza. As súas historias, sostivo, reclaman verdade, xustiza e un coidado expresado en feitos.

Estendeu esa responsabilidade ao coidado da creación. A mirada crente de Francisco, explicou, invita a vivir con sobriedade, agradecer recibir e pensar nas xeracións futuras. O uso da auga, a terra, os alimentos e a enerxía forma parte dese compromiso cotián co próximo.

Ao concluír, presentou o tránsito do santo como un testemuño de esperanza. Francisco coñeceu a enfermidade, a fraxilidade e o sufrimento, pero mantivo a súa confianza en Deus. Desde esa experiencia, o arcebispo pediu que o centenario deixase froitos concretos: unha reconciliación aprazada, unha presenza máis fiel xunto a quen está só ou unha maior liberdade para compartir. Así, expresou, a súa memoria podería converterse en «Evanxeo vivido entre nós».

 

Previous articleUnha «casa de oración e de fraternidade»: a invitación do arcebispo á Confraría do Rosario en Bonaval
Next articleConfirmaciones en Betanzos