Arca celebrou este domingo 14 de decembro de 2025 a festividade de Santa Eulalia cunha solemne Eucaristía presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández.
Durante a súa homilía, o arcebispo convidou os asistentes a mirar a figura de Santa Eulalia como exemplo dunha vida nova pero plenamente entregada. “Era moi nova, e con todo deu a súa vida como testemuña da esperanza no Señor”, sinalou, lembrando que o martirio significa precisamente iso: dar testemuño. Nese sentido, subliñou que hoxe non se pide aos cristiáns morrer, senón “darnos e dar vida uns a outros”, algo que se concreta no tempo compartido, o agarimo, a tenrura, o perdón, a gratitude e a atención ao corazón do que está á beira.
Animou aos fieis para vivir unha fe auténtica, con “mirada aberta, oídos espertos e un corazón forte”, seguindo o exemplo de Santa Eulalia, “nova, pero forte no corazón”.
Ao finalizar a Eucaristía, presentouse oficialmente o equipo de pastoral das parroquias, así como os membros do Consello Pastoral e do Consello de Asuntos Económicos. O arcebispo agradeceu a súa dispoñibilidade e xenerosidade, lembrándolles que o seu labor non é unha representación persoal, senón un servizo en nome das comunidades parroquiais.







