Co lema “A liberdade relixiosa é un dereito humano, non un privilexio”, este xoves presentouse en Santiago de Compostela o Informe Liberdade Relixiosa no Mundo 2025, elaborado pola Fundación Pontificia Axuda á Igrexa Necesitada. O acto tivo lugar ás 19 horas na aula Magna do Instituto Teolóxico Compostelán (ITC) e reuniu a representantes da Igrexa, do xornalismo especializado e a unha testemuña directa da persecución relixiosa en África. A presentación puxo sobre a mesa unha realidade que, aínda que moitas veces invisible nos grandes titulares, afecta a millóns de persoas en todo o planeta.

O encontro estivo dirixido polo delegado de Pastoral Familiar, Antonio Gutiérrez, e contou coa participación do arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández; o xornalista de Axuda á Igrexa Necesitada, Josué Villalón; e o sacerdote nixeriano Patrick Akpabio. O informe, que se publica cada dous anos, analiza a situación da liberdade relixiosa en 196 países e está considerado o único estudo profesional destas características elaborado por unha institución privada a nivel mundial. O seu carácter ecuménico, ao reunir datos de todas as confesións relixiosas, confírelle ademais un valor engadido como radiografía global da intolerancia.
Na súa intervención, o arcebispo de Santiago subliñou que resulta “escandaloso” que a estas alturas do século XXI aínda sexa necesario defender a liberdade relixiosa coma se se tratase dunha conquista pendente. Lembrou que este dereito está recollido no artigo 18 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, pero insistiu en que o seu fundamento é moito máis profundo que unha simple norma xurídica. “A liberdade relixiosa é o corazón de todos os dereitos, porque é o dereito para buscar o sentido da vida, a vivir conforme a esa procura e a dar testemuño de ela”, afirmou, citando a san Xoán Paulo II.

Mons. Prieto advertiu que sen liberdade relixiosa non pode haber unha paz verdadeira nin unha sociedade xusta. Defendeu que este dereito protexe tanto a quen cree como a quen non cre, e alertou fronte aos extremos: tanto o fundamentalismo que impón a fe como o laicismo que pretende expulsala do espazo público. “Non se pode obrigar a crer, pero tampouco se pode impedir crer”, lembrou. Desde unha cidade como Santiago, meta espiritual de Europa e símbolo de encontro de pobos, o arcebispo chamou a recuperar a memoria das raíces culturais e espirituais do continente.
Pola súa banda, Josué Villalón debullou os principais datos do informe, que debuxa un mapa inquietante da situación actual. En 62 países do mundo non existe hoxe plena liberdade relixiosa: en 24 hai persecución directa e en 38 vívese un alto nivel de discriminación. Más de 220 millóns de cristiáns están expostos á persecución e 413 millóns habitan en países onde este dereito fundamental áchase seriamente restrinxido. Corea do Norte, China, Paquistán, Nixeria, Siria ou Nicaragua aparecen entre os territorios máis perigosos para practicar a fe con liberdade.
O xornalista explicou que os principais responsables desta situación son os réximes autoritarios, os grupos extremistas de inspiración relixiosa, os nacionalismos identitarios e o crime organizado. Tamén subliñou o papel das guerras, que destrúen a convivencia, atacan templos, provocan desprazamentos masivos de poboación e agravan a violencia contra as minorías relixiosas. Alertou ademais dunha realidade especialmente crúa: a das mulleres pertencentes a minorías perseguidas, que sofren unha dobre discriminación pola súa fe e pola súa condición feminina.

En países como Paquistán ou Exipto, cada ano entre 500 e 1.000 nenas cristiás e hindús son secuestradas, convertidas á forza ao islam e obrigadas a casar cos seus captadores. “Detrás de cada cifra hai unha familia rota, unha vida truncada e un silencio imposto polo medo”, lembrou Villalón, mentres se proxectaban testemuños audiovisuais sobre esta realidade.
O momento máis sobrecogedor da tarde chegou co testemuño do padre Patrick Akpabio, sacerdote nixeriano que relatou como se vive hoxe a fe cristiá no seu país. “Os que van a misa non saben se volverán vivos a casa. E os que quedan nas súas casas tampouco saben se sobrevivirán ao día seguinte”, explicou. Denunciou secuestros de escolares, ataques a igrexas, asasinatos de fieis e un clima de terror permanente provocado por grupos yihadistas. A pesar de todo, subliñou a fortaleza do seu pobo: “Cando nos queiman os templos, celebramos a misa baixo unha árbore. Non perdemos a esperanza”.
Nixeria é hoxe o país máis perigoso do mundo para un cristián, pero tamén un dos lugares con maior número de vocacións sacerdotais. Un contraste que impresionou aos asistentes e que o propio arcebispo cualificou como unha chamada para revisar a forma en que se vive a fe en Occidente. “Estes cristiáns do século XXI están a darnos unha lección de coherencia, de entrega e de profundidade na fe”, afirmou.

A presentación serviu ademais para lanzar un Manifesto pola Liberdade Relixiosa, unha iniciativa internacional de recollida de firmas impulsada por Axuda á Igrexa Necesitada co obxectivo de esixir á Unión Europea e á ONU a condena explícita da persecución relixiosa, a protección efectiva das minorías e o apoio legal e humanitario ás vítimas. “Defender este dereito non é só denunciar, é exercelo cada día”, insistiu Villalón, alertando tamén dos sinais de alarma que empezan a percibirse en Europa.
O acto concluíu cunha oración polos cristiáns perseguidos e cun chamamento directo á conciencia dos asistentes. Desde Santiago de Compostela, cidade levantada ao redor da fe, ao Camiño e ao diálogo entre culturas, alzouse unha voz firme en defensa de millóns de persoas que, en plena era da tecnoloxía e a globalización, seguen arriscando a súa vida por algo tan básico como crer en liberdade.













