O impresionante Belén de Liáns convértese nun dos grandes referentes de Nadal da diocese

  • A parroquia de Santa Cruz de Liáns inaugurou unha monumental obra artística de 60 metros cadrados, con más de 500 figuras, luz, movemento e tecnoloxía ao servizo do relato máis antiguo.

Santa Cruz de Liáns viviu este venres una desas xornadas que quedan gardadas na memoria do pobo. A parroquia vestiuse de gala para bendicir e inaugurar o seu novo Belén, unha impoñente escenografía de 60 metros cadrados na que máis de 500 figuras artesás, asinadas por nomes de prestixio internacional, recrean con asombroso realismo o Nacemento de Xesús.

Non se trata dun belén máis. É unha experiencia inmersiva na que o día e a noite sucédense grazas a 218 focos, 1.500 estrelas, unha lúa luminosa e microleds que transforman o espazo. Doce fontes, unha fervenza e medio centenar de mecanismos dan vida a oficios, animais e escenas cotiás, todo sincronizado cunha narración audiovisual que atrapa ao visitante durante os minutos de viaxe emocional por Belén.

A inauguración congregou a autoridades, veciños e colaboradores nun acto cargado de simbolismo, coa presenza do arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto Fernández; o alcalde de Oleiros, Ángel Seoane Gelo; e o párroco, José Carlos Alonso Seoane, acompañado pola alma mater do proxecto, Jesús Etxebarría.

Antes do acto central, a comitiva visitou tamén o xa emblemático Belén de Reciclaxe, obra do artista Genaro Alonso, unha singular creación de oito metros de lonxitude realizada integramente con materiais reutilizados: parafusos, peiraos, culleres ou porcas que, transformados, volven contar a historia do Nadal desde o enxeño e a sustentabilidade.

Un traballo coral con alma de parroquia

O novo Belén é, como lembrou o arcebispo, unha obra de moitas mans. Costureras, carpinteiros, electricistas, programadores, artesáns, deseñadores e voluntarios teceron durante meses unha creación colectiva que é reflexo da comunidade. Nomes propios como Hilario, Isabel, Pepa, Manuela, Diego, Patricia ou Genaro entrelázanse nunha lista interminable de agradecementos que evidencia o pulso solidario da parroquia.

Jesús Etxebarria, visiblemente emocionado, lembrou a quen xa non están e agradeceu o esforzo silencioso dun equipo que traballou entre frío, longas xornadas e un perfeccionismo case artesanal. “Este Belén non se explica, vívese”, resumiu.

O alcalde, pola súa banda, subliñou a importancia de conservar as tradicións en tempos de cambios acelerados e defendeu o valor do Belén como símbolo cultural, familiar e social.

 

O sinal dun párroco incansable

Pero se houbo unha figura que sobrevoou toda a xornada foi a do párroco, José Carlos Alonso, motor incansable deste e de tantos proxectos culturais, sociais e pastorais na parroquia. Moi activo na vida comunitaria, próximo a veciños e voluntarios, a súa figura foi citada unha e outra vez desde o atril e nos círculos posteriores.

O agarimo que esperta quedou patente en cada aplauso e en cada agradecemento espontáneo: un cura de pobo, como el mesmo se define, que converteu Santa Cruz de Liáns nun auténtico foco cultural e espiritual.

Tradición, arte e reflexión

O acto concluíu coa bendición do Belén por parte do arcebispo e unha primeira sesión para os asistentes, que contemplaron en silencio o xogo de luces, sombras, auga e figuras que narran as 48 horas da viaxe de María e Xosé ata Belén.

Desde a parroquia, o desexo é claro: que esta obra non sexa só un espectáculo visual, senón un espazo de encontro, reflexión e comunidade durante todo o Nadal.

En canto que as luces se apagan e volven acenderse no ciclo eterno do día e a noite, Santa Cruz de Liáns garda un secreto luminoso entre os seus muros: un neno que nace cada decembro, un pobo que se recoñece nas súas mans unidas e unha historia antiga que, unha vez máis, volve latexar con voz nova. Porque hai beléns que se miran… e outros que, como este, quedan a vivir no corazón.

Previous articleO Informe Liberdade Relixiosa no Mundo 2025 revela que millóns de persoas viven a súa fe baixo ameaza
Next articleCon María como guía, o hoxe de Deus faise presente na mocidade diocesana