Clausura do curso no ITC e o ISCCR

  • Celebrouse cunha eucaristía e un acto académico
O arcebispo compostelán, mons. Francisco José Prieto, presidiu os actos de clausura do curso académico no Instituto Superior Compostelán e no Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas. A eles asistiu o bispo de Tui-Vigo, mons. Antonio Valín.
Como é tradicional, a xornada comezou cunha eucaristía na capela do Seminario Maior. Na súa homilía mons. Prieto reflexionou sobre a procura da Verdade, obxectivo primeiro da teoloxía e tarefa permanente dos cristiáns. Alertou sobre o perigo de dirixir a vida polas pequenas verdades e lembrou que “Xesús prometeunos o Espírito da Verdade que nos levará á luz plena. Temos que achegarnos á verdade de Deus mesmo”.

Afirmou que “a verdade de Dios quérese achegar ao corazón do home. É a verdade de Dios a que vén ao noso encontro. É a verdade que temos que adorar”. Insistiu en que “a verdade de Deus orada e estudada ten que facerse vida e testemuño. Ten que ser nosa vivencia da verdade a que fale da verdade de Deus”.

Concluíu pedindo que “deixemos que se nos mostre a verdade crucificada de Deus. Fagamos da nosa vida a verdade que Deus nos desvela”.

Acto académico

No acto académico impúxoselle a bolsa aos seminaristas que concluíron o ciclo institucional e alcanzaron o grao de Bacharel en teoloxía. Tamén recibiron un diploma e unha insignia os alumnos, entre eles unha laica, que terminaron o bienio en Teoloxía Fundamental.

Abriu as intervencións o director do ITC e reitor do seminario interdiocesano, José Antonio Castro Lodeiro, quen destacou que un obxectivo prioritario do centro é poñer a razón ao servizo da procura da verdade. Falou dunha “razón cordial”, como a vía de acceso a Deus propia do cristianismo. Unha procura na que é necesario aplicar todas as nosas facultades e mirar á realidade cos ollos do Evanxeo. Algo que, afirmou, “só se pode facer cando tomamos en serio a teoloxía e o seu estudo”.

A continuación tomou a palabra o director do ISCCR, o franciscano Miguel da Mata, quen destacou que, aínda que o número de alumnos sexa estatisticamente pequeno, o importante é o seu entusiasmo, a súa fe e a súa conciencia de encarnar o “resto” bíblico. Lembrou que o Instituto ten como misión prioritaria a formación dos laicos. Neste sentido, repasou a oferta educativa do centro, que nos dous últimos anos intenta ir máis aló da formación regrada e ofrecer cursos especializados. Por último, afirmou que no ISCCR téntase “formar a persoas capaces de contar a historia de Dios sen complexos, ensinar a ler a realidade desde a fe. Converternos nós mesmos en parábola significativa. Capacitámonos camiñando xuntos, para seguir a Xesús.

No acto houbo intervencións tamén dos representantes dos alumnos e dos padriños elixidos por eles. Clausurou o acto mons. Prieto, quen convidou a todos a indagar desde unha conciencia crente. Afirmou que a teoloxía ha de ser Deus mesmo que se desvela na humilde palabra humana.

O acto finalizou cun pequeno ágape nos corredores do Instituto Superior Compostelán.

 

Previous articleEncontro do arcebispo de Santiago con representantes de Vida Ascendente
Next articleMocidade estudiantil e persoas privadas de libertad do CIS comparten vivencias nun innovador proxecto de voluntariado social na Coruña