Mons. Prieto invita a escoitar co corazón e a coidar dos demais na celebración da Virxe do Pilar

  • Durante as celebracións, o arcebispo pediu tamén pola saúde do papa León XIV e encomendouno á protección da Virxe: «Poñémolo no corazón do Señor e no corazón da nai».
O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, presidiu este luns, 12 de outubro, dúas celebracións eucarísticas con motivo da festividade da Virxe do Pilar, patroa da Garda Civil: pola mañá, na parroquia coruñesa da Milagrosa, e pola tarde, na Catedral de Santiago.
A gratitude polo servizo á sociedade, a necesidade de escoitar e o compromiso de levar a fe á vida cotiá centraron as súas homilías. En ambas as celebracións estivo presente tamén a oración pola saúde do papa León XIV.

Un agradecemento ao servizo que tantas veces pasa desapercibido.

Na Milagrosa, tras a ofrenda á Virxe, monseñor Prieto expresou o seu recoñecemento aos membros da Garda Civil e aos demais corpos e forzas de seguridade presentes. «Grazas por ese coidado, grazas por coidarnos», manifestou ao destacar unha dedicación que a miúdo se desenvolve de forma calada, sen converterse en noticia.
O arcebispo puxo o acento na dimensión humana dese traballo e na atención a quen atravesa situacións de medo, incerteza ou sufrimento. Mencionou especialmente ás persoas maiores, ás mulleres que sofren violencia e ás xeracións máis novas, expostas tamén aos riscos do mundo dixital. Detrás de cada expediente ou informe, lembrou, hai unha persoa que necesita atopar axuda e unha escoita atenta.
O arcebispo lembrou tamén que quen coida dos demais necesitan sentirse acompañados. Coa imaxe dos discípulos reunidos xunto a María no cenáculo, expresou o seu desexo de que os axentes atopen nas súas familias, compañeiros e amigos o apoio necesario para compartir as dificultades de cada xornada, descansar e recuperar forzas.

A súa reflexión estendeuse ao conxunto da sociedade. A convivencia pacífica, sinalou, require a responsabilidade de todos, o respecto ás diferenzas e a vontade de reducir as palabras que ofenden ou descualifican. Nese compromiso situou tanto a firmeza na defensa da xustiza, a dignidade e a verdade como a proximidade que merece cada persoa.
A Asociación Pilarista leva á Catedral a súa ofrenda.
Pola tarde, a celebración na Catedral comezou coa invocación da Asociación Pilarista Compostelá. Os seus integrantes acudiron á casa do Apóstolo para honrar á Virxe e lembrar a quen non puideran acompañalas.
A ofrenda evocou a tradición que vincula a Santiago coa Virxe do Pilar: a presenza de María xunto ao Apóstolo, ás beiras do Ebro, para alentalo nun momento de cansazo e desánimo na súa tarefa evanxelizadora.
A asociación expresou a súa devoción mediante a participación na eucaristía e a ofrenda de flores. Nas súas peticións encomendou a todos os seus membros, cos seus traballos, penas e alegrías, e pediu pola paz nas familias, os pobos e as nacións. Tamén lembrou á Igrexa compostelá, aos peregrinos, ao Santo Padre e ás socias e seres queridos falecidos.

Unha fe que se faga vida e unha esperanza posta no Ano Santo,

Na súa homilía na Catedral, monseñor Prieto presentou a María como unha presenza que sostén e axuda a confiar no medio das dificultades. Relacionou o desalento do Apóstolo coas preocupacións, as feridas e as esperanzas que cada persoa levaba consigo á celebración.

Desde esa realidade, invitou a escoitar ao próximo con atención, sen deixar que os prexuízos ou as palabras ferintes impidan coñecelo. «Escoitemos o corazón do que está ao noso lado», pediu, antes de destacar que a escoita da Palabra de Dios debe traducirse en feitos: «Fagamos vida a nosa fe en Cristo».

O arcebispo vinculou esa coherencia coa construción de relacións fraternas na familia e na sociedade. Unha comuñón que, explicou, ha de converterse en compromiso concreto e permitir que as diferenzas enriquezan a convivencia.

Ao cabo da súa intervención, dirixiu a mirada cara á próxima apertura da Porta Santa e o novo Ano Santo, que presentou como un tempo de graza, reconciliación e perdón. Animou a preparalo con alegría e confianza, e a regresar á vida cotiá coa disposición de ser testemuñas da fe.

 

Previous articleO Arcebispo de New York alcanza a meta esperada: Santiago
Next articleO Arcebispo de Santiago invita a toda a Diocese a unirse en oración pola saúde do papa León XIV