A parroquia de San Xulián da Illa de Arousa acollerá o vindeiro sábado 31 de xaneiro o encontro diocesano da Infancia Misioneira, unha cita pensada para nenos e familias que levará por título “Gardiáns da luz”.
A xornada comezará ás 16:30 horas coa acollida dos participantes. Ás 17:00, os nenos gozarán de xogos e testemuños misioneiros, compartindo a súa experiencia de anunciar o Evanxeo en distintos lugares do mundo e tamén no lugar onde viven. O encontro culminará ás 19:00 coa celebración da Eucaristía, presidida por mons. Francisco José Prieto Fernández.
Co lema “A túa vida, unha misión”, a Infancia Misioneira convida os máis pequenos a descubrir que cada xesto cotián pode ser unha forma concreta de levar a luz do Evanxeo aos demais, fomentando a solidariedade, a oración e o compromiso misioneiro desde a infancia.
Delegación para as Misións













